?ai cousas para as que se nace ou non se pode. Mariza demostrou onte que para ser fadista hai que nacer, e ela naceu para iso. A fadista do barrio máis fadista de Lisboa, a Mourería, puxo en pé ós espectadores do Rosalía todas as veces que quixo, pero non contenta con iso, conseguiu que os coruñeses cantasen un fado a Lisboa. Mariza interpreta o fado á vella maneira, con sentimento e sen artificios. Así seduciu ós espectadores, explicando os sentimentos que levan con elas cancións como Barco negro. Dese mesmo xeito que imaxinou como cantaría a lendaria María Severa. O repertorio da fadista explica cal é a condición da cantante: consegue cantar á maneira tradicional ó tempo que lle presta un aire de agora ó fado.As demostracións máis espectaculares, as máis sentidas, chegaron cos bises, un pouco despois de cos espectadores pedisen que falase en portugués entre canción e canción. Mariza e os seus tres músicos baixaron ó centro do patio de butacas e, sen amplificación nen micrófono, interpretaron Povo que lavas rio . A fadista asegurou antes de cantar que ese tema era a alma de Portugal e, de estar no certo, a alma portuguesa habitou no teatro durante o concerto. Mariza sinte devoción por Amalia Rodrigues e demostrouno con ese repertorio no que o mesmo canta Maria Lisboa que deixa para o final unha das máis amalianas cancións de Amalia: «Estranha forma de vida».Mentres animaba ós coruñeses a incorporarse ó fado cunha peza de Carlos do Carmo, a fadista explicou unha receta para cantar, «un bocadiño de viño, un baciño de taberna, un bocado de guitarra portuguesa, corazón, alma... e moita voz». Non é seguro o do viño. Pero do resto, Mariza utiliza a receta con todas as súas consecuencias.