«Ler as cartas dos emigrantes é coma ver "Gran hermano"»

S. Basterrechea A CORUÑA

A CORUÑA

Fixo tándem con Raúl Soutelo para voltar ó pasado nun libro que lle dá voz ós que se foron. Agora, xa que ten muller alemana, maquina outro da división azul

26 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Con As cartas do destino Núñez Seixas fíxose, xunto con Raúl Soutelo, cun premio co nome do pai galego dos do seu gremio e por un tema tamén moi galego, a emigración. -O título non parece o típico dun ensaio... -Foi un arrouto de inspiración poética. A fonte principal do estudio é a correspondencia privada de emigrantes, cartas que marcan destinos que van ben e outros menos. -Vostede é ourensán, dá clase na Universidade de Santiago e logo vai e investiga a emigración de San Sadurniño, en Ferrol. -Casualidade. Soutelo estivo destinado alí e, como é moi inquedo, cando chega a un sitio, pois fala cos paisanos, porque ten a teoría, que comparto, de que a xente maior é moi interesante. -¿E que descubriron? -Unha señora de 105 anos, María Naveiras, que se non é a avoa de Galicia, debe estar entre as cinco máis vellas. Conserva nun baúl as cartas da súa familia emigrante e unha cabeza moi lucida. Ler as cartas dos emigrantes é coma ver unha telenovela, ou o Gran hermano , pero real e con personaxes máis interesantes. Non queriamos contar cotilleos, senón ver por que emigra a xente ou como funcionan as relacións dunha familia dividida polo mar. Descubrimos, por exemplo, que eles ían a Bos Aires mentres que o resto da bisbarra ía a Cuba porque os primeiros triunfaron alí e houbo efecto chamada. -¿O «Prestige» producirá un efecto fuxida? -Activaranse as redes migratorias e pode que volva a entrar máis fariña polas rías. Pero o positivo é que se protesta. O desastre constatou o poder do imprevisto na Historia e descubriu que cando todo se derruba, a inercia impide ver o que pasa ás élites. Algo así pasou co Imperio Romano. Non crían que os bárbaros estaban a trinta kilómetros e alí estaban.