EMPREGO ESTABLE E CON DEREITO

La Voz

A CORUÑA

MANUEL VILLARES TRIBUNA ABIERTA

01 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha das peores consecuencias da precariedade laboral que se sofre na Coruña é a continua rotación que padecen os asalariados con contrato temporal. A grande bolsa formada por estas persoas está sometida a un fluxo permanente que as leva de forma continua dunha empresa a outra e, no peor dos casos, ó desemprego. Chámase rotación a este proceso que ten graves consecuencias persoais, sociais e económicas. Para cuantificar isto definiuse un índice de rotación que non é máis co cociente entre o número de contratos de duración determinada e o número de traballadores potencialmente afectados. Os datos para a provincia da Coruña son -como para o conxunto de Galicia- terribles: no ano 2000 realizáronse 246.995 contratos temporais para un colectivo de 132.382 persoas, entre temporais e paradas. O índice de rotación foi polo tanto de 1.9, o que significa que cada traballador temporal tivo unha media de dous contratos de traballo durante o ano 2000 na Coruña. Este índice dá unha idea clara de enorme inestabilidade no emprego eventual: ou ben traballan en dúas empresas diferentes cada ano ou ben sofren contratos curtos e seguidos nela. A partir do 2000 existe unha maior explotación o que permite coñecer mellor esta terrible realidade da rotación no emprego. O INEM acaba de publica-la información onde o dato máis espectacular é o das case mil persoas que tiveron que asinar máis de 15 contratos nun só ano, isto é, máis dun contrato por mes. Case 55.000 traballadores asinaron polo menos dous contratos de traballo e a nada despreciable cantidade de 11.000 cubriron como mínimo catro contratos diferentes. Estas son cifras escandalosas que reflicten con crueza a enorme precariedade laboral que sofre unha parte da clase traballadora e que se corresponde en case tódolos casos con prácticas empresariais que bordean os limiares da legalidade. Nestes días coñecíanse as cifras das persoas que son despedidas antes das vacacións e contratadas despois para así aforrar os seus salarios. É evidente que o problema laboral, non está na rixidez nin nos custos do despedimento, senón na rotación excesiva, a elevada eventualidade e na precariedade laboral insoportable. E como é isto o que temos que solucionar, rexeitamos de forma rotunda a última reforma laboral imposta polo goberno, porque vai na dirección contraria: non actúa sobre a precariedade senón que abarata máis o despedimento: xusto o contrario do que hai que facer. MANUEL VILLARES é secretario xeral da Unión Comarcal de CC.OO. da Coruña