Saudamos con ledicia o acordo logrado entre a Deputación da Coruña e o Concello de Cabana para que este siga xestionando o dolmen de Dombate. Houbo sentidiño e rectificouse. A autorizada opinión do arqueólogo José María Bello (La Voz de Galicia 6-1-2016), e, sobre todo -penso eu- a decidida intervención de Manuel Muíño, alcalde de Zas e deputado provincial, deberon pesar o seu. En todo caso, volveuse ó rego e iso merece tamén unha felicitación a quen corresponda na Deputación, pois non é habitual que os políticos rectifiquen tan axiña, sobre todo cando teñen a tixola polo mango (algún que outro partido enquistado no poder debera tomar boa nota)
Tamén é digno de loanza que as tres administracións (Xunta, Deputación e Concello) acordasen que conformar unha comisión para facer un seguimento que garanta o futuro do monumento. Isto é novidade e benvido sexa. Non se pode declarar un monumento BIC e deixalo a monte (hai exemplos).
Esperemos que sexa esta unha nova forma de facer política cultural: sempre defendemos que se unha administración fai unha boa xestión neste eido hai que apoialo sen importar a cor política. Tal é o caso do Concello de Cabana no tocante a Dombate.
Nas excursións por Europa dos do Semescom temos comentado que nas vilas que visitamos non se sabe (para ben) se goberna un alcalde de dereitas ou un de esquerdas, polo menos no que nos é visible: en todas hai un urbanismo respectuoso co medio e cando teñen un ben cultural aproveitable axiña lle montan un centro de interpretación para facelo visitable.
¿E en Galicia que se fai? Pouco ou nada. Aí están a monte os Penedos de Pasarela, e, vindo máis ó caso, os dólmens e mámoas do tantas veces prometido Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte. ¿Que maldición gobernamental pesa sobre este proxecto que podería atraer outros tantos visitantes como a Fornela de Vilaseco? Dado que Patrimonio da Xunta nada vai facer, animo á Deputación a acometer o reto, pois antas da importancia da(s) Pedra(s) da Arca (de Cerqueda e Regoelle), Pedra Cuberta ou a Arca da Piosa é imperdoable que sigan condenadas ó esquecemento.
Dombate conta hoxe cun centro de recepción comparable a calquera outro da UE. Hai quen opina que é excesivo, pero aí está e xa podemos (por fin!) presumir de algo. Por fin porque convén lembrar que «a calada esfinxe» pondaliana estivo cuberta por un plástico («o burka de Dombate», José Mª Varela dixi) durante máis de 16 anos -os do goberno de Fraga, precisamente- ata que as administración autonómica e provincial se puxeron de acordo. Conserváronse as pinturas de milagre. En fin, oxalá este acordo tripartito para o dolmen de Dombate sexa o inicio dunha nova era de entendemento para ben do noso patrimonio.