«Onde habitan as mouras», de Viki Rivadulla, axiña en Vimianzo 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Viki Rivadulla, artista muxiá
Viki Rivadulla, artista muxiá ANA GARCIA

A exposición poderá visitarse dende o venres 6 ao 19 de abril na sala Antón Mouzo da Casa da Cultura 

01 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimianzo • Dando continuidade á súa liña de investigación iniciada con Atlánticas: mulleres do nordés, a artista muxiá Viki Rivadulla vén de dar vida a Onde habitan as mouras: cartografía de nós. Esta súa nova exposición inaugurarase o 6 de marzo na sala Antón Mouzo da Casa da Cultura de Vimianzo, ás 20.00 horas, e alí poderá visitarse de luns a sábado ata o 19 de abril. A través destas pinturas, que toman a moura como eixo conceptual, Rivadulla reflexiona sobre a natureza e a relación do ser humano con ela. Sempre comprometida, pinta por un mundo máis solidario e sostible, pon o foco nas coñecementos das comunidades rurais, na lingua, e no papel que en todo iso ocupan as mulleres. O Concello, por iso, encadra a mostra no 8 de marzo, Día da Muller.

«A figura simbólica da moura serve como eixo conceptual da exposición. As mouras, presentes na natureza salvaxe e no noso patrimonio inmaterial a través das lendas, funcionan aquí como metáfora das sabias gardiás da terra e do legado cultural. Así, a mostra non fala tanto das mouras en si, senón do lugar onde habitan: o territorio e a memoria colectiva que conforman a nosa identidade», traslada o consistorio. 

Horario de visita

  • De luns a venres: de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas
  • Sábados: de 9:00 a 14:00 horas e de 20:00 a 22:00 horas