Ofrece esta tarde un concerto na súa terra, Vimianzo. Con ela estará o pianista Ernesto Alemán
07 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Que sería dos humanos sen a música? Custa imaxinalo, mais o que si é seguro é que seriamos menos felices. Hai para hoxe un convite a gozar dela, da música en directo: ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo, poderase vivir o concerto Ecos do tempo. Sobre o escenario, unha vimiancesa e seu violín, Gala Cernadas (2000). Non estará soa, senón acompañada ao piano por Ernesto Alemán. As entradas están dispoñibles de xeito anticipado en woutick.es —3 euros— ou ben na propia Casa da Cultura, dende unha hora antes do inicio do espectáculo. Falou Gala Cernadas en Radio Voz:
—Como van eses nervios?
—Hai uns pouquiños, pero son bos [ri]. Estes concertos son novos. É a segunda vez que toco no auditorio de Vimianzo, a anterior no 2019, pero este formato é novo.
—Hai no arquivo de La Voz fotos súas de ben pequena xa no Conservatorio de Carballo.
—Comecei nese centro no 2010, co mestre Eduardo Coma, falecido hai uns anos. En Carballo estudei o grao elemental e profesional e logo no 2019 fixen as probas para entrar no Conservatorio Superior de Oviedo, especialidade de Interpretación. Esa é ata o momento a miña formación. Estudo agora o máster de profesorado e teño pensado facer para o ano o de investigación en patrimonio musical, igualmente aquí en Oviedo. A maiores, traballo nun par de escolas de música.
—Como leva o asturiano?
—Ben, ben! Ten cousas ben parecidas ao galego.
—Quedará por aí un tempo?
—Algún ano máis si me gustaría. Volver? Se saco praza no Conservatorio de Carballo, por exemplo, encantada!
—Integrou no seu día o grupo Druídas da Rolda, vimiancés.
—Foron anos moi bonitos. Xoán, Mateo, Leni, Alberto, Pablo Castro [agora en Alana] e eu fixeramos grupo, e aí foi onde comecei a tocar música folk, de Irlanda e galega.
—Que nos pode avanzar deste concerto en Vimianzo. Que traen en «Ecos do tempo»?
—Chameille así porque vai ser un concerto de, basicamente, dous compositores. Un é o pianista, Ernesto Alemán, e outro é Pablo de Sarasate, violinista navarro do Romanticismo, nacido a mediados do XIX. Os dous teñen algo en común, compoñer baseándose en melodías tradicionais. Sarasate ten mesmo unha muiñeira galega, ademais de moitas xotas. Ernesto é de Lanzarote, nacido no 98: inspirouse moito nas melodías canarias e no seu instrumento tradicional, o timple. Viviu uns anos en Oviedo e inspirouse tamén das muiñeiras asturianas e das xotas. Gustábame a idea de que viñese a Vimianzo para dalo a coñecer «na península», como el di. Vai ser un concerto distinto, para todos os públicos, mesmo nenos que lles guste a música, pois será clásica, pero divertida, pezas curtas. Non é o clásico que temos na cabeza.
—Temos falado da música como felicidade. Que é para vostede?
—A vida. Sen o violín non sería a mesma. Creo que o violín me escolleu a min. Non teño familia música nin tradición deste instrumento na casa, pero así foi, un compañeiro de vida nas malas e nas boas.