Unha vida no límite que pouco se asemella á das películas

Marta López EN PRIMEIRA PERSOA

VIMIANZO

Dous veciños amosan sendas cartas dos concellos de Zas e Vimianzo, ante un sinal indicador de Sandrexo
Dous veciños amosan sendas cartas dos concellos de Zas e Vimianzo, ante un sinal indicador de Sandrexo CLARA LÓPEZ

En Primeira Persoa | «Ti es do Sandrexo de Zas ou do de Vimianzo?». Que os recursos cheguen por duplicado non significa que haxa o dobre deles

11 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

En Soneira, na serpeante liña que separa os concellos de Zas e Vimianzo, está a aldea na que me criei. Son trece casas, nas que a día de hoxe quedan pouco máis de vinte veciños, e non obstante pertence a distintos municipios.

A nivel administrativo e de xestión, é un pesadelo. Case todo en Sandrexo chega por duplicado: dous servizos de recollida de lixo, dúas cuadrillas de limpeza e obras, dous carteiros ou dous autobuses escolares. Porque si, se xa o número de nenos é escaso, por enriba van a colexios diferentes.

Recibir un paquete por mensaxería pode ser unha odisea, ao coincidiren os números das vivendas de Zas coas de Vimianzo, e se ese técnico de telefonía polo que agardas non dá chegado, o máis seguro é que estea petando á porta dalgún veciño.

Trátase dun auténtico galimatías territorial que, non obstante, chega a resultar divertido en certas ocasións. Distinto concello implica tamén distinto colexio electoral, e en época de comicios non é estraño toparse con algún candidato inexperto que aínda non estea familiarizado cos límites municipais. Máis dun aspirante á alcaldía de Vimianzo se ten dado de bruces coa sorna da miña nai, que con total franqueza lles espetou que non pensaba votarlles, só para máis tarde comprender que ela non formaba parte do seu electorado. «Pero, ti es do Sandrexo de Zas ou do de Vimianzo?»: probablemente sexa das preguntas que máis nos teñen feito nas nosas vidas.

Distintos centros de saúde, distintas igrexas, distintas extraescolares... A vida diaria está absolutamente marcada por unha división absurda que, non obstante, alcanzou o seu momento álxido de extravagancia durante a pandemia. Na desescalada, cando o Goberno anunciou que os cidadáns poderían saír á rúa para pasear ou facer deporte, os veciños de Vimianzo estaban limitados a dúas franxas horarias ao tratarse dun municipio de máis de 5.000 habitantes. Zas, non. E a finais do 2020, a segunda onda do covid sumiu a Vimianzo nun longo confinamento perimetral que durou 120 días. Na teoría, en caso de precisar axuda, a miña familia non podería petar á porta da súa dereita nin á da súa esquerda.

Mais a práctica é moi distinta, pois as relacións persoais non veñen ditadas por unha delimitación territorial. Que os recursos cheguen por duplicado non significa que os haxa por partida dobre —a miúdo todo o contrario—, así que hai momentos nos que só queda tirar de unión veciñal, como cando os nosos devanceiros colaboraron nunha traída veciñal de auga que aínda perdura.

E se un caso como o de Sandrexo resulta peculiar, máis o é que apenas dous quilómetros ao norte haxa outra aldea cuxa situación é idéntica, Pazos.