Choveu case toda a mañá do sábado mentres case trinta camiñantes facían a ruta dos Penedos de Pasarela e Traba
08 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.As pedras soltaron bágoas, e non porque fose a última andaina do programa Recunchos 2025 do Concello de Vimianzo. Choveu case toda a mañá do sábado mentres case trinta camiñantes facían a ruta dos Penedos de Pasarela e Traba, a derradeira deste ano preparada polo técnico de Deportes, Víctor Santos. A auga non botou para atrás ás dúas ducias de persoas que se inscribiran e visitaron A Barca, A Cachucha, O Pallaso, O Coello, A Aguia, O Fígado, O Cantante, A Tartaruga, A Dama da Costa da Morte e O Bico, entre outras moitas que forman este museo ao aire libre. Formas zoomórficas e antropomórficas que a natureza modelou hai 300 millóns de anos.
A visita á Torre da Moa quedou aprazada para outra ocasión, pois ao estar as pedras molladas facíase moi perigoso deambular por elas a tanta altura. O programa deste ano foi un dos de máis éxito, pois non hai que esquecer que a Noite dos Petros do 29 de agosto deu lugar á descuberta dos novos gravados de Somontemío II.