A compañía Fran Sieira trae esta tarde o espectáculo «Ceibe» ao auditorio de Vimianzo, danza que aborda o xénero
09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Moi diferentes artes escénicas atopan espazo na Casa da Cultura de Vimianzo, entre elas a danza contemporánea. Así, na programación cultural de outono chegará hoxe á localidade a compañía Fran Sieira: 20.30, auditorio, entradas en woutick.es ou dende unha hora antes, en billeteira. Máis ben dito, volve, pois o xoves levouse a cabo unha xornada de mediación ou taller de baile. Sieira, nome xa indispensable da danza en Galicia, falou en Radio Voz:
—Tanto ese obradoiro como o espectáculo forman parte do Proxecto «Ceibe». Cóntenos.
—Ceibe é unha peza que fala do xénero, e de como o xénero nos atravesa a todas e a todos como sociedade. Dende que nacemos xa se nos educa para movernos, actuar e ser dunha determinada maneira. É, por tanto, un cuestionamento sobre eses roles tradicionais que nos encorsetan nuns corpos máis ríxidos e ao mellor pouco amables. Como sería o noso movemento se non nos fose imposto un estereotipado dende nenos?
—E esa mediación que se fixo?
—É unha actividade moi divertida na que facemos pasar ás persoas que participan por determinados exercicios nos que nós nos mergullamos durante a creación. Logo, cando ven a peza, como que se senten máis reflectidos, pasaron por iso, por eses estados. Xa digo, a xente rise, saímos da zona de confort e plantexámonos outros movementos.
—Sae a xente consciente de que algo tan natural como moverse está suxeito a clixés?
—Si, penso que si. E é algo que durante toda a práctica intentamos identificar, canto dese movemento está estereotipado. Unha simple camiñada está estereotipada.
—Como está sendo a acollida do espectáculo «Ceibe»?
—As experiencias, o feedback que estamos recibindo da peza, dinnos que ao principio a xente non é quen de identificar o sexo das persoas enriba do escenario, non o é quen ata que non quitamos a máscara. Iso é para pensar. Ao final son corpos en movemento, saíndo da rixidez e soltando capas pouco a pouco na procura dun movemento máis libre. Ao final rematamos nunha especie de rave festiva dentro do noso baile tradicional: o público acaba sentido esa boa vibra e nun momento ata é partícipe.
—Son oito bailaríns sobre o escenario, entre eles Aida Tarrío [Tanxugueiras] ou Mondra. Tócalles vir a Vimianzo?
—Aida non poderá vir neste caso, precisamente por outros compromisos con Tanxugueiras, pero si Mondra.
—Vostede codirixe «Ceibe» xunto con Sergio R. Suárez. É máis difícil comunicar unha mensaxe a través da danza?
—A min gústame transmitir mensaxes que nos atravesan como sociedade, e gústame facelo dende a danza, ao final unha linguaxe universal. Cada un lévao ás súas vivencias.
—Sieira coñece ben prazas como a Primavera enDanza de Carballo, pero Vimianzo tamén. Custa levar danza ao rural?
—Pode que custe algo máis, pero Vimianzo sempre apostou por nós. Estivemos con DeMente hai un par de anos, agora volvemos con Ceibe, e moi agradecidos. Animo aos programadores a tomar este exemplo, a danza é unha arte a achegar á veciñanza.