Regresar á escola

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

05 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

finais dos anos corenta ata comezos dos cincuenta, meus avós acudían á escola. Eran tempos de mañás frías onde a humidade se adhería aos ósos. Disto sabe moito Dona Carmiña Vázquez, autora irrefutable do libro As vellas escolas de Vimianzo. Moito cambiou o mundo, os sistemas e máis a maneira de atender a docencia, sen golpes, sen abusos e con pedagoxía.

Setembro é de regresos, entre eles a escola. Eu son partidaria de que volva tamén o préstamo de libros. O cheque que se ofrece agora non cubre todas as necesidades de material : libros, cadernos e útiles. Ademais, o troque de libros de texto eliminaba ese consumismo fráxil que nos invade como praga na actualidade. Aprendías a recibir algo que non era teu, coidalo con esmero e devolvelo nas mesmas condicións un ano despois. Os nenos sabían que non todo era de usar e tirar e as editoriais non vivían nun monopolio substancial que fomenta un consumismo volátil e sen fondo. A maiores disto, non había distincións entre familias de diferentes rendas. Aforrábase papel e coidábase ao medio ambiente.

Podemos enganarnos frugalmente pero, este setembro, non todas as familias terán as mesmas posibilidades de abastecer as necesidades dos seus fillos. Son máis de trescentos euros de gasto por cada neno. Dereito á educación teñen todos os rapaces, así como á non discriminación. A aqueles pais que teñen medios, diríalles que non lle compren todo o que sexa último modelo aos seus fillos para non fomentar brechas. Oxalá coidemos a xeración de nenos que nuns días entrarán con garbo nas aulas do país. Nas meniñas dos seus ollos agóchase o futuro, onde deberá primar a intelixencia emocional que os forme como persoas críticas e de ben, moi por enriba dos coñecementos.