San Fins, a pegada celta

David Roget Blanco

VIMIANZO

A. LAVANDEIRA

En primeira persoa | O 1 de agosto, festividade do Lugnasad, é a romaría grande de San Fins

16 may 2022 . Actualizado a las 01:03 h.

Na aldea vimiancesa de San Fins atópase o sobranceiro Carballo do Santo (non «Carballo Santo»), unha árbore centenaria de 3.77 metros de perímetro, remedio de moitos males ata o derradeiro cuarto do século XX.

Os nenos que acudían a el adoitábano facer por hernias no embigo, que para poder sandar debíase realizar o seguinte procedemento: un veciño tiña que esgazar polo medio unha póla miúda, sen arrincala da árbore e mantendo intactos os extremos. A continuación, abríase dando lugar á forma dun «O», por onde se debía pasar ao raparigo tres veces no sentido contrario ao das agullas do reloxo. Logo, volvíanse unir as dúas partes e amarrábase cunha cinta, sen barro, a modo de enxerto. Normalmente íase rezar á ermida que se atopa ao seu carón e botarlle unha esmola á imaxe de San Pedro Fins. Se a póla curaba, o neno tamén; pero no caso oposto, había mal prognóstico para o meniño. Por outra banda, a xente maior ía de oferente por diversas doenzas ou preocupacións, debendo dar nove voltas ao carballo no mesmo sentido que o xa mencionado, xeralmente rezando algunha oración.

Mais o que non se adoita saber é que no lugar de Vilariño, a escaso quilómetro, tamén se levaba a cabo outro rito, pero arredor dun colosal piñeiro manso con 3.1 metros de perímetro. A el ían sobre todo os nenos afectados de tosferina, debendo dar nove voltas durante nove días, dicindo en cada unha «tosferina, sae do neno e vai prá resina». A peculiaridade do emprazamento está en que se ve o Mar de Traba, unha das praias máis importantes a nivel etnográfico de toda a Costa da Morte. Asemade en San Fins, na zona do Pombal, existía antigamente un altiño dende o que tamén se albiscaba o Mar de Traba e ao que se levaban as vacas que padecían «o formigueo» nos pés, que lles provocaba coxeira. Alí quitábase o terrón debaixo do pé enfermo, ao que pasaba a enfermidade, queimándose logo na casa.

Os celtas

O rito dendrolátrico de circunvalar unha árbore para sandar doenzas procede dos pobos indoeuropeos que acabaron dando lugar á cultura celta en diversas partes da Europa atlántica (aí radica a similitude de tradicións entre Galicia e Irlanda ou o sur de Inglaterra). Estes tiñan varias árbores sagradas, sendo o carballo a predilecta. Non debemos identificar os celtas cos castrexos, senón entender que os castrexos puideron coller certos elementos da cultura celta que se viña desenvolvendo bastantes séculos atrás, tales como o calendario lunisolar de Coligny. Aquí é onde se atopa a chave que nos permitirá entender as cerimonias que perduraron en San Fins.

Os pobos de cultura celta tiñan unha grande admiración pola lúa ao cambiar de forma (as súas fases) e de posicións ao nacer no ceo, ata o punto de que para eles o día comezaba co solpor. Igual que o amencer non é sempre no mesmo punto, senón que se despraza ao longo do horizonte ocupando as posicións máis afastadas co solsticio de verán cara o Norte (21 de xuño) e solsticio de inverno cara o Sur (21 de decembro), a lúa realiza unha similar danza, pero máis complexa. O sol tarda un ano en volver ocupar a mesma posición, pero a lúa faino en 18 anos e uns meses. Durante este tempo haberá un ano no cal as lúas cheas nacentes (tamén as novas) máis próximas aos solsticios van estar o máis afastadas posible entre si no horizonte. Este fito chámase Lunasticio Maior.

Pola contra, dentro deses 18 anos haberá outro onde esas lúas estean o máis próximas posible, Lunasticio Menor. Os celtas tiñan dividido o ano en festividades de media estación, celebradas uns 40 días despois dos solsticios e dos equinocios, cadrando os primeiros de febreiro, maio, agosto e novembro, cos respectivos nomes Imbolc, Belteine, Lugnasad e Samain. Unha das máis importantes era a do Lugnasad, que cadra co 1 de agosto. Este día o sol nace no horizonte por onde se produce o Lunasticio Menor Norte, coincidencia que os celtas tomaban como agasallo divino na súa procura dun calendario lunisolar perfecto.

A maxia do 9

Pero volvamos a San Fins. Dende o lugar que ocupa a capela, de non ser polas árbores que agora tapan a vista, o Lunasticio Menor Norte prodúcese sobre unha necrópole de 4 mámoas e 5 fontes ao pé do monte chamado Alto das Pedras Longas. E agora veñen as «coincidencias». Entre un Lunasticio Menor e o Maior pasan 9 anos, e outros 9 ata volver ao Menor. 9 son as voltas que se dan ao carballo, ou ao piñeiro, e 9 as veces que se levanta a tapa da artesa para quitarlle o aire ao rapaz. O 1 de agosto, festividade do Lugnasad, é a romaría grande de San Fins.

Quizais non sexan estas as explicacións exactas das cerimonias de orixe celta na aldea, mais coido que teñen certa vinculación. Co paso devagar do tempo imos esquecendo os motivos dun rito mantendo o seu costume. O mesmo puido ocorrer aquí, onde se cristianizaron, pero toleraron, unhas vellas prácticas pagás. Así debeu perdurar en San Fins a pegada celta.

Este artigo é posible grazas aos traballos de investigación do erudito en arqueoastronomía celta Antón Bouzas, quen me descubriu este mundo druídico.

Uns apuntes biográficos: Tras rematar o bacharelato científico-tecnolóxico no instituto Terra de Soneira, este vimiancés (2002) trasladouse a Ourense para estudar Enxeñaría Aeroespacial en Ourense, cuxo segundo curso está xa para rematar. Afeccionado ao deporte, deixou o fútbol e o tenis de mesa a raíz dunha lesión e foi o ciclismo o que o levou a eses montes que tanto goza explorando. Descubriu dez estacións de petróglifos cando aínda non tiña 18 anos e sacou á luz as cruces de 16 muíños de Cambeda.