O noso Hilton

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

21 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se me desen un euro por cantas veces quixen encargar un kebab e busquei o contacto do Hilton en internet saíndome de resultando a cadea de hoteis internacional, sería millonaria. A Google hai que poñerlle as cosas claras, «Hilton de Vimianzo, teléfono». No noso concello de apenas sete mil habitante temos o noso propio, unha cafetería que leva trinta e catro anos aberta. Veñen de anunciar os seus xerentes que a finais deste mes de febreiro pechan por un tempo indefinido. Oxalá sexa un punto e seguido, un merecido descanso despois de tres décadas de traballo e esforzo por fornecer un lugar familiar para pasar tardes longas de inverno e noites de confidencias.

Se pechase definitivamente, morrería co local un pouco de todos nós: os sandwich de ovo, os bocadillos de peituga de polo e aquelas patacas con alioli que compartíamos todas aqueles luns de instituto. Non, ao Hilton non se vai unicamente por comida, que tamén. Eu penso que vamos porque é un lugar para todos os públicos: familias, amigos e primeiros amores.

Coido que ningún habitante de Vimianzo cambiaría nunca o noso Hilton polo glamur do de Boston. Nalgún momento, alguén debería facer un estudo sobre os lugares que conforman os nosos recordos, os pousos entre a infancia e adolescencia. Navegar por aqueles sitios que formaron parte de nós sen decatarnos de que o tempo pasa, a vida camiña a pasos axigantados e hai portas e contras que un día se pechan por derradeira vez.

Aproveitade estes días e ide a esta cafetería, volvede acordarvos daquelas persoas que compartiron mesa con vós, das risas, dos aloumiños, daqueles problemas que nos parecían un mundo e eran nada. Longa vida ao Hilton de Vimianzo.