O colexio rosado

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

11 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Crieime nunha escola de cores pastel onde nos días de inverno entrabamos polo andar baixo, esperando na entrada ata que soase aquel timbre estridente que anunciaba unha nova xornada. Se pecho os ollos, aínda sinto a friaxe daquelas mañás e o balbordo de todos ao redor. Dicía Concha Blanco, nunha das súas visitas ao Colexio de Baíñas, que subir as súas escaleiras era como ir á entrega duns grandes premios, pola súa maxestuosidade. Hai dez anos, cando eu deixei o colexio como alumna, había moitos espazos que xa non se utilizaban. Alá quedaran os días onde a demanda de nenos fixera posible a construción da escola, cando se reunían máis de tres compañías de autocares que ían cheos.

Hoxe en día, escoito que as aulas están máis baleiras, que algúns cursos xuntáronse para facer posible o aproveitamento de recursos. Fago un chamamento para que os pais e as nais da parroquia non leven os seus nenos a outros centros, que apoien a educación no rural, gratuíta e de calidade. Dunha característica desfavorable como é a baixa natalidade e os poucos fillos, aproveitemos esa atención única que fornece que as clases sexan case particulares e personalizadas ás necesidades de cada un. O nivel educativo dos nenos é cando menos excelente.

Teño a certeza de que o CEIP Baíñas non sería o mesmo sen eses catro ou cinco mestres que levan anos e anos loitando para que continúe activo e como referente. Buscando matriculacións, incentivando a biblioteca e axudando en todo.

Sería unha mágoa que un edificio que supliu a necesidade educativa da nosa vila, non teña a relevancia e a continuidade no tempo que merece. Hai lugares que deberían conformar a memoria colectiva das nosas infancias xeración tras xeración.