Camiñar cidades

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

22 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos días de chuvia, tan frecuentes no noso país, as rúas das vilas adquiren un rastro de nostalxia e tristeza. Estes días, camiñar por Vimianzo é un exercicio melancólico ao ver tantos negocios, antano cheos de algarabía, que agora non son máis que esqueletos do que un día foron.

Os tempos actuais son difíciles e xustificados pola gravidade das circunstancias. Non obstante, incluso observando a toponimia latente dos rótulos de bares coñécese un pouco das historias de emigración. Montevideo, London, Quilmes… tantos lugares do mundo reflectidos en apenas unha rúa principal. En parte, camiñar por Vimianzo é camiñar cidades, algunhas seguramente anfitrioas dos donos dos restaurantes noutros tempos.

Os galegos nunca podemos esquecer a alma que nos divide. No estranxeiro somos os galegos e, cando chegamos aquí, retornados, somos os arxentinos, os suízos, os ingleses; unha crise de identidade que afianza a crenza de que as fronteiras xeográficas non son suficientes para borrar a saudade.

Por iso, cando observo os rótulos de neon non acesos, supeditados a restricións, penso en tantos soños pasados que hoxe quedan reducidos a locais fechados. En principio, nuns días abrirá a hostalería na maioría dos concellos. Haberá, por suposto, fiestras e portas que xamais volverán a abrirse. Ao fin de contas, foron dos sectores máis damnificados. Espero que, cando todo isto pase, volvamos con moita forza a resarcir aos hostaleiros de tantas horas de tremendo silencio e soidade. Polo menos, que sexamos capaces de respectar o aforo e ter posta a máscara cando non esteamos bebendo nin comendo. Os hostaleiros non teñen que ser policías, temos que ser os propios clientes responsables e, tan sequera, cívicos.