Chamamento á solidariedade

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

04 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, un incendio queimaba unha vivenda de Piñeiros. Coido que esta aldea é unha das máis fermosas e coidadas da redonda, cun monte cheo de árbores e tan verde que lle fai honra ao topónimo. Pensen na tristeza que trae afrontar estes días tan nostálxicos do Nadal coa eiva material que supón perder os enseres, a roupiña, os obxectos que compoñen toda unha vida. Aínda que contaron coa sorte de non resultar feridos, calquera pode imaxinar a terrible perda e o desgusto que sufriu esta familia que, grazas á axuda inestimable dos veciños e os bombeiros, logrou saír con vida. Onte, iniciábase unha campaña de axuda para este fogar dende as redes sociais. Non pensen que é caridade, é o desexo sincero dun pobo por axudar a quen o precisa. Cando eu era pequena, apenas tería cinco anos, un incendio calcinou o alpendre anexo á nosa casa. Aquilo foi un gran golpe. Non se fixo esperar a axuda de todo o pobo de Baíñas que, de forma altruísta e xenerosa, iniciou unha colecta onde participaron todas as aldeas da parroquia. Xente que sen debernos nada cumpriu con nós.

Por iso e máis, veño de loar o xesto dos veciños por intentar repoñer a tristeza de perdelo case todo pola alegría de sentírense queridos e acompañados nos momentos difíciles. Penso que estarán sempre agradecidos. A solidariedade é xustamente iso, intentar facer felices aos demais na medida do que se pode, sen pedir nada a cambio. Aínda en tempos difíciles e ruíns coma os que estamos a vivir, o ser humano é capaz de sacar unha raiola de sol no medio de tan escuras tebras. Non podemos perder a esperanza, se algo nos distingue dos animais é a capacidade de admirar a arte e poder ter sentimentos. Non todo está perdido.