Os dolmens son máis que pedras

manuel antelo pazos

VIMIANZO

CEDIDA

«Non está mal que se limpe a contorna dos megálitos, pero mellor todo o ano», escribe Manuel Antelo Pazos, exalcalde vimiancés

15 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Está estes días de actualidade o Roteiro dos Dolmens de Vimianzo pola limpeza da contorna que se acaba de facer comezado este mes de agosto polo concello de Vimianzo. Un feito que debería ser habitual e continuado no tempo tórnase noticia de verán, dándonos idea que o noso patrimonio mal anda de promoción. Pero sobre todo, que o Concello de Vimianzo non ten claro para que serve nin de que serve o patrimonio megalítico.

Non está mal que se limpe a contorna dos megálitos. Pero mellor que se faga todo o ano, e, a ser posible, que o mantemento do verán sexa previo ao mes de maio ou xuño, e non avanzado o mes de agosto, cando imos cara o remate de tempada. Quen o visitamos ao final de xullo tivemos que ver unhas antas no medio dos toxos e dos eucaliptos que levaban máis dun ano sen limpar. A continuidade nas liñas de promoción trazadas polo anterior goberno municipal falan do proxecto estratéxico que tiñamos daquela e que aínda son actuais. Con non moitos recursos, por mor dunha administración aínda non saneada economicamente daquela, fomos quen de modernizar o Roteiro dos Dolmens. Completamos a sinalización material con distintos sinais verticais e dous planos

xerais do roteiro na praza de Baíñas e en Vimianzo nas proximidades do castelo. Pero o salto máis cualitativo foi a implementación dunha plataforma virtual (vimianzo.mobi) á que se pode acceder desde cada xacemento ao través duns códigos QR ubicados nun panel gráfico que resume as características do dolmen. No roteiro virtual pódese acceder a cada anta por medio de Google Maps, e, polo tanto, ao través das estradas para vehículos, ou mesmo por vías agrarias e forestais para desprazamentos a pé ou en bicicleta.

Tamén se pode acceder a unha ampla información escrita e gráfica para completar os coñecementos sobre cada punto megalítico. Esta información tamén está dispoñible para os dispositivos móbiles en forma de audio en galego, castelán, francés e inglés. Todo isto queda complementado con uns trípticos en papel e nos idiomas anteriores que resumen as características de cada xacemento. Máis este proxecto foi resultado dun proceso continuo de diálogo e intercambio de ideas coa participación do Concello e de diversos sectores científicos, comunicadores, historiadores e outras persoas. Singular foi a celebración do II Simposium sobre o Megalitismo, do que en poucos días celebraremos o cuarto aniversario. Ademais de poñernos ao día en asuntos de interese arqueolóxico tamén se deu a coñecer o grande esforzo municipal para actualizar o roteiro.

Un dos asuntos máis importantes foi en torno á importancia de contar cos donos dos leiras onde estaban os xacementos, que mesmo participaron de algunha reunión do Simposium. Un feito inédito e transformador.

Como consecuencia celebramos diferentes reunións cos propietarios dos predios que conteñen os xacementos megalíticos e visitamos con eles o dolmen de Dombate para que tiveran un coñecemento máis amplo. O primeiro resultado foi a compra do predio de Pedra Cuberta no ano 2017, e a posterior limpeza integral do contorno no ano 2019, deixándoo libre de eucaliptos, toxos e o valado que o afectaron e condicionaron durante moitísimos anos. En 2018 logramos outro fito importante, o de adquirir para o patrimonio municipal a anta de Pedra da Arca de Baíñas.

Xenerosidade

A xenerosidade e concienciación dos propietarios foi fundamental e de agradecer por sempre. Xunto coa Casota de Freáns son xa tres xacementos megalíticos de propiedade municipal, que deixan o camiño libre para futuros proxectos de divulgación e investigación. Froito deste traballo e grazas á sensibilidade da Deputación da Coruña, sobre todo á parte nacionalista do goberno, impulsouse en 2018 unha asociación de concellos da Costa da Morte para adquirir os principais xacementos do Parque do Megalitismo para a titularidade dos concellos, vista a falta de compromiso e acción da Xunta de Galicia nos últimos vinte anos. No Concello de Vimianzo deixamos os deberes feitos, formalizando o acordo de compra en expedientes remitidos á Deputación para adquirir as principais fincas megalíticas. Quedaron vistos para adquirir unha parcela en Pedra Cuberta e outra ao carón de Pedra da Arca para aumentar a superficie do predio que os acolle e protexe.

Tamén quedaron remitidos os expedientes de Pedra Moura de Treos, Pedra da Lebre de Serramo, Arca do Rabós e Arquiña de Vilaseco. No caso da Mina de Recesindes o acordo co propietario era de cesión de uso temporal e gratuíta. Agardamos impacientes, ano e pico despois, pola formalización destes acordos de traspaso destes xacementos para a titularidade municipal.

Parello a todo isto levamos a cabo diversas campañas de promoción, mesmo impulsando, canda outros territorios europeos a creación dun Itinerario Europeo do Megalitismo, ao que non debemos renunciar. Non faltaron campañas de sendeirismo ou visitas guiadas en Semana Santa e no Verán, xunto con actividades singulares dirixidas aos escolares. Durante o ano atendíamos a diferentes grupos que solicitaban unha visita con guía. Destacaron as visitas guiadas á poboación local de todas as idades. A cobertura con persoal especialista financiado pola Deputación foi un apoio fundamental nesta estratexia de posta en valor do noso patrimonio megalítico.

Agora hai un camiño andado, e moito aínda por facer. É bo que o Concello de Vimianzo siga percorrendo estes camiños construídos durante estes anos, facendo as mesmas actividades de visitas en torno aos dolmens, e que se siga co mantemento dos xacementos, non no mes de agosto, senón durante todo o ano. Pero preocupa a falta de máis ideas e iniciativas que consoliden o Megalitismo como un verdadeiro recurso patrimonial e turístico de Vimianzo e da Costa da Morte. Coido que pasado un ano é tempo suficiente para entender a importancia e riqueza do noso patrimonio megalítico para poñelo como prioridade política do goberno. A alcaldesa e o seu equipo tiveron máis que tempo para coñecelo, xa que durante estes anos non pisaron ningún xacemento nin actividade, e mesmo tiveron unha posición negativa, criticando de malgasto, sen razón, estas iniciativas impulsadas polo noso goberno daquela, e que agora manteñen. E fan ben mantenlas!

Manuel Antelo Pazos foi alcalde de Vimianzo.