Ecos da Gándara

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

16 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coma moitos, non concibía a emerxencia sanitaria que arremeteu nos últimos días, quizais por neglixencia e falta de información daqueles que se cren competentes para manexar un Estado de dereito. Auguro que suporá a situación un antes e despois, non só no teletraballo, máis ben na suba de impostos e na economía logo de que pase a curva da enfermidade. Hoxe por hoxe o prioritario é coidar aos nosos maiores, gornecelos de seguridade, protexelos cando eles fixeron moito máis por nós: darnos a vida. Esta fin de semana na Gándara debería haber inusualmente unha ducia de coches de pescadores que queren buscar o lugar idóneo no encoro para o inicio da pesca fluvial. As medidas preventivas fixeron que se cancelase o evento e non hai movemento ningún. Aséntase unha quietude inmensa aquí, mais non é algo estraño. A tranquilidade absoluta impera todo o ano, nada máis que o ruído dos motores dos tractores rompen o silencio case anecoico dunha aldea de tan poucas casas.

O Estado agradece ás cadeas alimentarias o labor desempeñado. Permítanme que faga extensible o agradecemento a agricultores, gandeiros, pescadores e a toda a cadea de distribución. Semella que na cidade pensan que as verduras e a carne brotan de laboratorios. Ninguén se acorda deles, nin estando nunha situación tan histórica e transcendental coma esta. Eles son tamén colectivos de risco. Non se deteñen para poder dar abastecemento. Hoxe, a estrada dirección Santiago no seu paso por Baíñas, a AC-441, estaba deserta a primeira hora, apenas transitaban coches. Ademais, hoxe, se botas un berro longo na Gándara, devólvese un eco enorme e retardado instantes despois. Non é novidade, embárganos a quietude os 365 días do ano. Cóidense e sentidiño, polo ben de todos.