Hoxe non hai feira

Natalia Lema Antelo ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

10 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Podería contar as ducias de veces que saímos os xoves a comprar churros entre as rúas de Vimianzo. Houbo un tempo, aloxado na miña memoria en recordos difusos, onde en Baíñas tamén había feira. Unha feira moi vinculada á gandería e á agricultura onde se vendían animais, maquinaria ou verdura.

Hoxe por hoxe, nada máis que os mozos da miña idade e os maiores nos acordamos daqueles domingos especiais onde víamos o trasfego dun día case de festa, asidos sempre á man de nosos avós. Nos anos posteriores á súa desaparición, intentouse recuperar a través de feiras anuais a tradición mais tras tantas tentativas aínda non se logrou nada.

O que non comprende a xente é o valor dos feirados. Segundo o Catastro do Marqués de Ensenada e refrendado por varios historiadores da zona a feira de Baíñas xa existía no ano 1753 e tiña un nexo referencial coa influencia da abadía que, arestora, non é máis que unha ruína abandonada por gobernos e institucións relixiosas que nunca se deixou conservar.

Por iso e máis, é tan importante coidar a historia que se agocha tras o escudo de San Martiño de Ozón, os canzorros sexuais ou as bancadas dos monxes que se encontran no interior da igrexa e dos que ninguén coñece a súa orixe. Alí sentábanse os monxes cando Baíñas era unha terra próspera e fornecida polas esferas do clero.

Oxalá se puidese recuperar a feira de Baíñas, cun aire renovado como fan en outros concellos coas feiras gandeiras. Pediríalle, xa que estamos, á Xunta Galicia que deixe de promocionar na páxina de Turismo a nosa feira cando xa está desaparecida. Póñanse mellor a coñecernos e a loitar por nós nun tempo onde a feira máis antiga da comarca, a de Baio, está tamén agonizando.