Cartas e misivas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

05 ago 2019 . Actualizado a las 21:26 h.

Un dos edificios que máis me gusta de Vimianzo é a oficina de Correos. Nada como esperar a quenda ollando o transitar da xente e os coches, o devalar dos minutos cunhas vistas espléndidas e, incluso cando baixas, perderse nos chocolates que venden no estanco que está no mesmo bloque. Sempre que podo, acudo á oficina, declino a frialdade de coller un sobre selado e poñelo nun caixón amarelo de recollida. Debo ser desas persoas especiais que van ao sitio polo que buscan e máis pola conversa. Moitas veces pregúntanme que ando argallando. Ao parecer, non son as miñas cartas só, son os últimos vestixios da xente nova que aínda acude a Correos.

Digamos a verdade, co mundo da mensaxería instantánea, iso de mandar epístolas está en desuso. Nada de cartas de amor, románticos. É máis práctico e económico mandar unha mensaxe no momento e recibir por datas especiais ducias delas que parecen copias reiteradas unha e outra vez. Por iso, cando me chegan aínda felicitacións escritas a man polo Nadal ou o meu aniversario, síntome feliz. Cada letra gravada a pulso no papel é un agasallo irrevogable do que significa o cariño. Porén, evidentemente, coas miñas cartas e algunhas máis, non facemos que Correos non rexistre cada ano perdas. A intervención estratéxica do Estado é cada vez máis acusada.

O outro día saía a nova de que van reducir os días de reparto no rural, como medida de redución de gastos. Considero máis ben que resulta unha medida discriminatoria, pexorativa incluso, dado que os mesmos dereitos se deben ter, independentemente do lugar de residencia. De tódalas maneiras, como diría Marina Mayoral en Tristes Armas, as cartas poden tardar pero sempre chegan.