O sorriso de Cándido

La Voz IN MEMORIAM

VIMIANZO

CEDIDA OR MONCHO GÁNDARA

04 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiven a sorte de coñecer a Cándido da Carricha aló polos anos 80. Foramos xuntos daquela na primeira candidatura veciñal para o concello de Vimianzo. Un home moi querido na súa parroquia de Carantoña e na Terra de Soneira. De carácter afable, gran conversador e moi afeccionado ao fútbol: moitos anos presidente do Porteño CF, e mesmo coñeciamos por el moitos dos avatares da liga que entón chamaban da Costa.

Pero, sen dúbida, a súa gran paixón foi a loita pola devolución dos montes. Era dos que sempre considerou unha aldraxe a que sufriran os veciños de Braño, Recesindes, Figaredo, Campo da Milleira… cando polos anos 60 lles foran arrebatados os montes de Gurreis e os de Piñeu, que os veciños xa tiñan parcelados e repartidos e que finalmente remataron consorciados entre o concello de Vimianzo e o Patrimonio Forestal do Estado. Desde aquela nunca cesou a loita veciñal pola súa recuperación, aínda que a medida que pasaban os anos o desánimo e o cansanzo ían facendo mella en moitos. Pero Cándido, incombustible, permanentemente activado, seguiu coidando e limpando a súa parcela pese ás ameazas e multas recibidas, estivo sempre á fronte e sempre animando. Coñecía palmo a palmo os montes e os seus lindes. Cantas veces, nas súas conversas entre o vecindario ou diante da administración, lle temos escoitado mentar as penas Carbón, da Aiga, ou Cantadora; que si os petóns do Castelo, do Martño, ou o dos Corvos...

E aínda que no 2008 a morte truncou repentinamente a súa vida, outros veciños e veciñas recolleron o seu facho, continuaron coa reclamación, e mesmo hai alguén que nos ten confesado que se segue á fronte da comisión é en gran medida por Cándido e pola súa memoria.

Despois de moitos anos, pola iniciativa e a instancias do actual goberno municipal de Vimianzo e da súa alcaldía acadouse da Administración da Xunta o compromiso de pór remate a aquel fatídico consorcio entre administracións. E finalmente, tras meses de espera, este pasado 28 de maio, o conselleiro de Medio Rural asinou as dúas resolucións nas que se declaran as extincións totais dos consorcios dos montes Gorreis e Milleira, a custo cero. Supérase así o principal atranco, quedando aberta a porta para que os veciños e veciñas, previo convenio co Concello, cheguen a ser os verdadeiros beneficiarios e usufrutuarios do monte, cada un da súa parcela. Non nos cabe dúbida que desde algún curruncho do Universo, Cándido da Carricha estará esbozando un dos seus mellores sorrisos.

Este sinxelo texto en homenaxe a Cándido, foi ideado e pensado conxuntamente por

Moncho Gándara e Cándida Sánchez.