Antonio Nodar : «A xente é a que fai os sitios»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Ana Garcia

O recoñecido retratista afincado en Londres pensa en volver ao seu Baíñas natal

04 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Nodar (64 anos) leva dúas semanas na súa Baíñas natal e pensa en volver a vivir en Vimianzo (ata o de agora viviu en Barcelona, París e Londres). «Á miña compañeira, que é de Hong Kong, gústalle moito Galicia e ten unha filla que é unha namorada de Baíñas, non te podes imaxinar o que lle gusta andar por aquí». De momento, as que si se quedan son as súas fotografías, polo menos ata o 6 de novembro.

-Parece que Baíñas ten moito atractivo.

-Gústalles tanto a elas que eu empecei a vela doutra maneira. Eu non teño practicamente amigos porque tiña 17 anos cando marchei de España. O único é Kukas, dos Monicreques de Kukas. Aos nove anos e medio botáronos xuntos do seminario. Sempre estabamos a facer trastadas. Agora tamén facemos, pero as de antes eran impulsivas e agora estudámolas máis.

-¿Que quere dicir con que ve Baíñas doutra maneira?

-Non sei explicalo, con outros ollos porque os meus están desgastados, se non é por alguén de fóra non sabes que é bonito porque non o aprecias. A xente é máis acolledora, hai máis vida. Eu empecei a pensar que se lles gusta tanto, algo terá. A rapaciña xa di catro palabras en galego. Unha é graciñas e a outra, chocolate con churros, que é o que máis lle gusta.

-¿Cántas fotos ten a mostra?

-Vintacinco ou vintaseis, moitas son dos anos 80 dunha vez que puiden vir uns días. Eu non podía vir a España porque non fixen o servizo militar, convertinme en prófugo, pero déronme un salvoconduto. Despois viñen algunha que outra vez. Son de negativo clásico. Naquela época a fotografía non era o meu medio de vida, senón o teatro. Moitas veces non te das conta do que fas ata que pasa o tempo. A fotografía é pensar, educar o ollo, saber o que vale un documento. Ti vas vendo que a xente que hai arredor si que lle dá importancia. Na exposición a maior parte son retratos, só hai dúas de paisaxes, porque é a xente a que fai os sitios.

-¿Que diferenzas atopa entre a Baíñas que retratou hai máis de 30 anos e a de agora?

-A xente cambiou moito, a estrutura fisonómica, a forma de vivir. É un documento porque moita xente xa non está. Hai unha dunha señora de xeonllos vendo a televisión, que estaba enriba da lavadora. Había moita máis pobreza antes, en tódolos sentidos. Era física e intelectual porque moita xente non sabía ler nin escribir. Víase a marca do campo na cara, queimada polo sol. Agora é distinto, as cousas que vexo non me atraen a nivel visual, é máis aséptico. Pero tamén é unha evolución, eu vía algo cando as fixen e unha persoa nova verá algo moi diferente. Nada do que vexo agora me chama a atención, e practicamente non fago fotos.

-Pero segue cos retratos.

-Sempre me gustou é máis persoal agora e antes era máis social, máis de denuncia. Pero todo cambia, agora é o formato dixital e antes era o clásico. Daquela gardabas unha foto 20 anos nun caixón, pero agora antes de facela xa está en Internet.

-Agora todo o mundo fai fotos, milleiros tódolos días.

-Pero cantas recordas? No momento que a fas xa se consome e non permanecerá dentro de vinte anos. Nas redes sociais ves que hai moito analfabeto non só na escritura, tamén na imaxe. Antes o analfabeto era o que non sabía ler nin escribir, pero agora é o que non sabe interpretar ou expresarse. Ademais, hai moitos arquivos de fotógrafos que poden desaparecer, son testemuñas dunha época. Cando falo de analfabetismo tamén falo dos herdeiros que tiran as fotos dos vellos e esas son as únicas que existen. Hoxe en día non se lle dá valor aos documentos ou aos dólmenes, ao antigo. Hai anos tiraba a mesa de castiñeiro para comprar a de formica, deixaban a casa de pedra podrecer e facía unha de ladrillo ao lado. Os que máis conservan son os franceses. Encontran unha pedra que ten algo e xa non a podes tocar e nós se podemos meterlle un barreno para utilizala para separar leiras, facémolo.

Inauguración. Mañán, ás 19.00 horas, na sala de exposicións Antón Mouzo na Casa da Cultura de Vimianzo.