Entre Dombate e o Castelo

Vicente de Lema ONDA MAINA

VIMIANZO

02 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ano, remataba o segundo Simposio do Dolmen de Dombate. Foron unhas xornadas nas que os asistentes se mergullaron nos novos e xa non tan novos coñecementos sobre a perla dos megálitos galegos. O sorprendente destas iniciativas é a gran cantidade de novidades que se acaban pondo enriba da mesa sobre estes ben patrimoniais. Ninguén pode negar, na actualidade, o valor arqueolóxico, histórico, cultural, turístico e social que atesoura a catedral dos megálitos de Galicia, que esperta gran interese para visitantes, incluso estranxeiros. O sábado último tamén rematou en Vimianzo outro simposio, neste caso sobre o vella fortaleza dos Altamira, a que coroa o pobo vimiancés. Unha auténtica coroa de ouro polo valor histórico, arquitectónico, arqueolóxico, cultural e tamén social. E coroa de ouro polo seu valor económico. O Castelo é na actualidade o principal punto de atracción de turistas á capital de Soneira. Mesmo inspira un movemento gastronómico que está converter a hostalaría local en punto de peregrinación en determinados días do ano. É, xa que logo, como unha fábrica que xera movemento económico. Todo isto é froito dunha evolución, que arrincou cando no municipio se empezou a reclamar a súa restauración. Antes estaba medio derrubado e abandonado. No simposio da fin de semana púxose de manifesto o gran valor histórico da fortaleza, se ben aínda quedan moitísimas cousas para profundar en futuro simposios. E tamén se deu a coñecer un plan de futuro. O vello castelo ten que seguir evolucionando e dándolle aínda máis riqueza á vila.