Neste xa casi rematado mes de agosto aproveitei para contemplar, ás escapadas, o ritmo das obras de ampliación da senda fluvial de Vimianzo. E coma outra moita xente, sempre que puiden, aproveitei tamén para percorrer xa o paseo actual case ao completo, que co flamante novo estirón e demais accesos novos suma xa preto dos 1.500 metros de lonxitude.
Pálpase que unha obra, un servizo coma este, é dos que todo veciño e veciña, de calquera idade e condición, valora e aprecia dun xeito especial, que case todos acabaremos desfrutándoo con asiduidade, e que ata moitos e moitas o farán diariamente.
Camiñar e descanso
O novo tramo construído deica A Ponterroda non só invita a camiñar ou pasear serpeando a carón do río e da súa vexetación de ribeira, senón que invita tamén ao descanso, e canto máis na medida na que se adecúen e rematen integrados no paseo importantes espazos coma os terreos adquiridos recentemente polo concello e os que ocupa a vella depuradora...
Sen dúbida, esta senda fluvial e a súa contorna converteranse para moitos de nós no noso imán máxico diario para un lecer saudable, e para o benestar colectivo.
Que ben por esta obra, que de seguro terá novos estiróns. Que ben por nós, os veciños e veciñas que podemos desfrutala a tope.
Noraboa ao goberno municipal polo pleno acerto nesta excelente e fermosa iniciativa do paseo fluvial.
A inauguración do paseo fluvial está prevista para mañá, ás 20.30, na Braña do Cura