«Estamos contando historia»

Alma de Os Quinquilláns, Tero Rodríguez fai balance das visitas teatralizadas na Costa da Morte

Tero Rodríguez, no papel de Silvina, en Moraime (Muxía)
Tero Rodríguez, no papel de Silvina, en Moraime (Muxía)

carballo / la voz

A Costa da Morte xa deveu unha casa para Os Quinquilláns. Tero Rodríguez é, de par de Lucho Penabade, unha das metades desta formación que vén de dar por concluídas as visitas teatralizadas do verán no castelo de Vimianzo, nas Torres do Allo (Zas) e mais no dolmen de Dombate (Cabana). En setembro seguirán, iso si, as de Moraime, no entorno dunhas pinturas que son «un tesouro incrible, algo fóra do común». Todos estes lugares teñen algo especial para Tero (Catoira, 1970) e mesmo os nomes gardan historia: o de Silvina evoca a Selvita, por moito tempo «a cicerone» do mosteiro muxián. «Ao principio ían chamarse igual, pero mudei o nome e quedou nun guiño. Fíxeno por pudor, non fose ser que, por non gustar o meu personaxe, ou a miña interpretación, non se vira esa homenaxe que eu intentaba darlle. Aínda así, quen a coñeceu, sabe que o parecido nos nomes non pode ser algo casual».

-Un balance moi bo, parece.

-En todas as localizacións se consolidan as visitas teatralizadas. Cada ano atopamos máis xente que vén a propósito velas. Hai ademais un traballo que temos que agradecer aos profesionais de cada espazo: cónstanos que se alguén vai visitar O Allo, recoméndanlle tamén ir a Dombate ou a Vimianzo. E ao revés.

-¿Quen é Tero en Cabana, en Vimianzo, nas Torres e en Moraime?

-Todos os guions dos Quinquilláns teñen sempre unha aposta polo empoderamento da muller. Fago personaxes femininos que son intelixentes, con forza. Mulleres activas, emprendedoras, que tiran para adiante. En Dombate son Elba, esa muller que plasma os grandes descubrimentos da época. Represento un pouco os avances da civilización.

Tero, no papel de Elba, en Dombate
Tero, no papel de Elba, en Dombate

Nas Torres do Allo son Francisca Riobóo, a primeira muller da familia Riobóo que herdou. Ata ela, que viviu no XIX, e durante 400 anos, foran herdando sempre os homes. Elviriña é o nome do personaxe que interpreto no castelo, e ao que lle teño moito cariño, porque con el cheguei ás visitas teatralizadas e á Costa da Morte: dela suponse que é unha criada que, no século XV, pasa penurias e chega ao castelo a pedir traballo. Finalmente, en Moraime son Silvina, unha trapeira compostelá que peregrina ata alí e atopa algo que non esperaba atopar: iso é o lle dá o título á peza, O segredo de Moraime. Ten moito misterio e unha trama arredor dos personaxes que non só explica a historia local, senón a vida da sociedade e, nomeadamente da muller, no século XVI.

Tero Rodriguez, no papel de Elvira. Castelo de Vimianzo
Tero Rodriguez, no papel de Elvira. Castelo de Vimianzo

-Hai unha fonda documentación.

-Si. É algo que nos facilitan dende o propio lugar, xa sexa fisicamente ou dicíndonos fontes. Traballamos para espazos e obxectivos concretos: en Vimianzo, por exemplo, contar a historia do castelo en media hora [ri]. Hai outros casos nos que se elixe un momento que se cre ideal para pararse: é o caso das Torres do Allo, cos últimos rendistas ou fidalgos do pazo, época convulsa. En Moraime fomos ata o século XVI porque se supón que as pinturas hoxe recén restauradas, as grandes protagonistas do espazo e tamén da visita, son dese tempo. Habería pouco que foran feitas.

-¿Como lembra a súa chegada a esta comarca con Elviriña?

-Coñecía a comarca e o castelo, por unha cuestión persoal. A miña parella é profesor, e foino en Camariñas. Lembro cando vin como un espazo como o castelo se enchía de artesáns... ¡Pareceume unha idea tan fantástica! Ver aquilo cheo de vida. Igualmente todo o que se programa nas Torres, Dombate... Dos artesáns gustaríame incidir no seu respecto, recoñecemento e cariño cara o noso traballo: levamos no castelo seis anos facendo vinte representacións cada verán. Iso son máis de 120, a maiores das de Semana Santa... Podemos andar polas 130 ou 140. Pois ben, máis de un, de dous e de tres, víronas todas ou case todas. Emocióname cada vez que vexo que paran o seu traballo e saen ao patio porque empeza a obra. Mesmo ás veces van dicindo polo baixo o texto: xa o saben, ¡claro! Teñen ademais unha mirada moi fina [acertan sempre coas sensacións que a eles mesmos lles quedan despois do espectáculo].

-¿Que poder ou potencialidade lle ve ás visitas teatralizadas?

-É unha maneira moi atractiva, entretida e divertida de coñecer o espazo que estás visitando, e a época. Unha forma inmediata, porque mesmo ves como van vestidos... Para nós é un traballo minucioso en todos os sentidos, incluíndo o vestiario. Todo o que damos é información histórica: somos conscientes de que estamos contando historia. Non hai ningunha liña no guión que sexa gratuíta: se no Allo ofrecemos unha limoada é porque o empregamos para falar desa diferenza entre a fidalguía e a xente do común. Uns tiñan acceso ao azucre, outros non.

Tero Rodriguez, no papel de Francisca Riobóo
Tero Rodriguez, no papel de Francisca Riobóo

-¿A idea é continuar para o verán? ¿Poderíanse ampliar espazos?

-Para ampliar espazos no verán, dado que tamén estamos noutros lugares, non teriamos moita posibilidade, pero penso que o esforzo debería ser ampliar de cara ao inverno. Este turismo cultural, que ademais é moi interxeracional, viaxa fóra do verán. Estaría ben establecer unha regularidade.

-Falábase nos últimos días das posibilidades que ofrecen os naufraxios para estas teatralizacións.

-Si, e en Muxía temos un gran sabio, Rivadulla Corcón. ¡Darémoslle unha volta, eh! [ri]. É ademais un tema apaixonante e controvertido.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Estamos contando historia»