Evaristo Martelo amosou outra cara do castelo vimiancés

P. Blanco, X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Evaristo Martelo, encarnado por Manuel Rial
Evaristo Martelo, encarnado por Manuel Rial LAURA RODRIGUEZ

Medio cento de persoas participaron neste singular percorrido, guiado por Manuel Rial. El encarnou o espírito do morador da fortaleza

16 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Medio cento de persoas achegáronse na tarde-noite do martes a Vimianzo para tomar parte da Noite no Castelo, unha visita diferente á fortaleza que domina o Val de Soneira e integrada no programa «Vimianzo, historia viva», outro xeito de achegarse ao patrimonio. Alí foron recibidos por Evaristo Martelo Pauman del Nero (1853-1928) ou, mellor dito, polo seu espírito. Manuel Rial volveu vestir este ano traxe e bigote para contarlles aos presentes como seu pai (o de Martelo), mercou a finais do século XIX o castelo. Tiñan linaxe propio.

Non tivo reparos en convidar aos alí chegados a pasar dentro da que fora a súa última morada, explicando pormenores da biografía propia e mais tamén de persoas relacionadas co monumento. Ante os ollos dos participantes nesta visita guiada foron descubríndose asemade detalles como o escudo do pórtico exterior, feito gravar por el. Así, a través da súa poesía -Martelo foi un escritor romántico- falou dos Martelo, de si mesmo, de Bernal Eans de Moscoso, da morte da súa nai, do falecemento de seu pai e de como se viu obrigado a deixar os estudos de Dereito para facerse cargo da xestión da facenda. Volvería a eles xa nunha idade madura, con 38 ou 39 anos.

LAURA RODRIGUEZ

Neste tempo todo, xa os visitantes entraran no fío e deixáronse sorprender amablemente pola música de violín -a artífice foi Gala Cernadas- e mais por recordos ben apegados ao día a día. Dende o castelo, Evaristo seguía os labores dos veciños, oía o río... Contoulles como recuperara as estancias do castelo, como o reformou, como viviu nel. Tocou, tamén, temas con máis raíz, como o carlismo ou a súa relación con Pondal. Eran amigos, mais Martelo non compartía o celtismo como orixe da identidade de Galicia: no canto diso, el situaba os nobres medievais.