«O silvopastoreo sería unha boa maneira de combater os incendios»

Luis García / Marta López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

JOSE MANUEL CASAL

César Pérez, veterinario, participa o mércores nunha xornada de desenvolvemento territorial en Vimianzo

10 jul 2018 . Actualizado a las 17:25 h.

César Pérez será un dos convidados a intervir na Xornada de desenvolvemento territorial a partir das potencialidades do monte que terá lugar o mércores na Casa da Cultura de Vimianzo, aínda que tamén hai programada unha segunda xornada, o sábado, destinada a visitar a comarca de Forgoselo (A Capela) e diferentes modelos de explotación forestal e aproveitamento gandeiro.

Veterinario de profesión, falará dunha iniciativa de silvopastoreo con razas autóctonas.

-Interesante intervención, e moi ilustrativa, a que ten programada para este mércores na Casa da Cultura vimiancesa.

-Pois si, teremos a oportunidade de debater longo e tendido sobre o monte, pero tamén me gustaría puntualizar eses dous termos: forestal e monte. Certo é que o monte galego pode dar madeira, claro que si, pero tamén pode dar carne, e dunha gran calidade. Co silvopastoreo aprovéitanse os recursos, transfórmano en alimento delicioso e ademais foméntase a crianza de razas autóctonas, que son as que están máis habituadas ao entorno e as que mellor levan a cabo esa transformación do mato do monte. Creo que iso completa bastante ben a multifuncionalidade que se supón que ter o monte.

-Iso no modelo minifundista non terá demasiado futuro, habería que partir, por exemplo, dun modelo de propiedade veciñal.

-Por suposto, sería o máis axeitado, e ademais penso que a implantación deste tipo de medidas sería unha estupenda maneira de combater os incendios.

-¿Que especies gandeiras se poden introducir no monte?

-Pois, por sorte, en Galicia niso somos ricos: vaca cachena ou limiá, cabra e ovella galegas e tamén o porco celta, que xa é máis a miña especialidade.

-Para levar a cabo un proxecto tan ambicioso primeiramente haberá que implantar un plan de xestión axeitado.

-Para empezar habería que asumir dunha vez unha ordenación do territorio. Deberiamos sentarnos e tomalo como prioridade. Ordenalo, saber a que dedicaremos cada cousa e, sobre todo, respectar a natureza, porque tampouco se trata de facer monocultivos, como se está a pretender ultimamente. Hai que preservar sempre a biodiversidade.