«Dende pequeno quixen ir a unha proba do mundial»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Jose Manuel Casal

Amador Vidal Cernadas participará a mediados de febreiro no rali de Suecia. Farao acompañado por José Camacho

13 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos seus 45 anos, Amador Vidal Cernadas (Pasarela, Vimianzo) mantén a ilusión intacta polo mundo do motor. Deixou a competición activa no 2015, despois de gañar por segunda vez consecutiva o campionato de España de rali de terra. Agora regresará de forma puntual en Suecia, para disputar a proba valedeira para o mundial da especialidade. A cita celebrarase do 14 ao 18 de febreiro e o vimiancés irá cun Mitsubishi Lancer EVO 10.

-¿Xa ten todo preparado?

-Andamos precisamente niso, preparando o coche e organizando todo, pero queda tempo.

-Vaia reto que ten por diante.

-Estivemos o pasado ano en Suecia vendo cousas, o percorrido e agora imos competir.

-¿Como xurdiu a idea?

-Pois por mediación dun amigo médico de Madeira, José Camacho. Un amante dos ralis que coñecín a través das competicións e comentoume a posibilidade de que o acompañara nunha proba do mundial. Eu como piloto e el como copiloto.

-¿Existen diferenzas entre conducir en neve e en terra?

-Non, é practicamente moi similar. En neve as rodas do coche son máis estreitas e con cravos, pero o que e a pilotaxe é a mesma.

-¿E como afronta este reto?

-Con moita ilusión, dende neno sempre quixen ir a unha proba do mundial: Suecia, Mil Lagos de Finlandia, Montecarlo... E agora teño a oportunidade de ir. É unha aventura. De feito, tómoo como unha aventura e para gozar da experiencia.

-Anda que se queda ben clasificado...

-Vou competir, pero non para quedar mellor ou peor clasificado. Vou polo feito de pasalo ben, gozar desta experiencia e de facelo cun amigo como é José Camacho.

-E todo iso despois de case dous anos sen competir.

-Tíveno que deixar cando acadei de novo o campionato de España de rali de terra porque teño traballo. A preparación dos coches de competición e as carreiras quitábanme tempo. A participación no rali de Suecia é algo puntual e así o tomo.

-¿Que destacaría desta proba do mundial?

-Ten que disputarse sempre con neve. Un ano non a houbo e suspendeuse. Ten que haber neve, si ou si. Logo están as condiciíns climatolóxicas, correndo con dez-doce grados baixo cero. Sobre o trazado algo vimos o pasado ano pero do deste ano aínda non sabemos nada.