O rescate dos Batáns do Mosquetín

Moncho Gándara

VIMIANZO

Este próximo sábado instalarase, por fin, no Mosquetín (Salto-Vimianzo ) a maqueta do batán de Servia

02 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Este próximo sábado instalarase, por fin, no Mosquetín (Salto-Vimianzo ) a maqueta do batán de Servia (Lousame), unha doazón feita pola familia da Casa do Rego no 1999 e xestionada daquela por iniciativa de Xosé María Lema para formar parte dun posible centro de interpretación e dun ecomuseo. Que isto tardase case 18 anos en facerse efectivo tráeme á memoria a longa odisea do rescate do singular conxunto etnográfico dos tres batáns e sete muíños do Mosquetín. Foron case 20 anos de loita pola recuperación integral deste enclave fronte á desidia e ao abandono das administracións responsables, que ameazaban coa completa desaparición deste patrimonio senlleiro. A recuperación e rehabilitación destes batáns e muíños foi en boa medida froito da perseveranza e da unión reivindicativa das asociacións da Terra de Soneira. Aínda me lembro daquel 28 de decembro de 1991, día dos santos inocentes, cando 22 asociacións da comarca levaron a cabo a campaña «Salvemos os Batáns» facendo unha limpeza simbólica neste conxunto «inocente» para demandar actuacións urxentes nel. Ou tamén daquel 1996 coa iniciativa colectiva apoiando a solicitude de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC)...

Pero o ano que marcou o punto de inflexión na sorte destes enseres do Mosquetín foi o 1997, cando Felipe Senén -director do departamento de Xestión Cultural da Deputación da Coruña- logrou convencer ás autoridades políticas para mercar e converter nun ben público estas xoias patrimoniais. A rehabilitación integral foi chegando pouco a pouco despois. Este sábado acudiremos ao Mosquetín. Estamos convencidos de que esta fermosa maqueta articulada é un paso máis cara o ecomuseo, un aporte interesante para visualizar e comprender mellor a mecánica destes singulares artefactos, fermosas expresións de sabedoría popular. Que desde esta pasada primavera a xestión diaria destes batáns e muíños estea nas mans do Concello de Vimianzo é unha excelente noticia, pois a sensibilidade desta institución cara o patrimonio está máis que contrastada. Noraboa para todos!