«Sorpréndeme ver a reacción dos máis pequenos»

f. rodríguez / Á. palmou

VIMIANZO

MARTINA MISER

Visita hoxe Vimianzo con «Miña casiña meu lar» e o luns e o martes estará en Cee con «Contando en feminino»

19 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A loita contra a violencia de xénero está moi presente nas dúas propostas coas que a actriz Ana Hermida, da compañía Lisístrata, percorrerá nos próximos días a Costa da Morte. Esta tarde visitará Vimianzo (Casa da Cultura, 21.30 horas, entrada gratuíta) para dar vida en solitario aos textos de Darío Fo que forman Miña casiña, meu lar. E o luns e o martes visitará aos escolares dos distintos centros de Cee (Casa da Cultura, horario matinal) no marco dos actos do Día internacional contra a violencia de xénero con Contando en feminino, un espectáculo pensado para promover tamén a igualdade.

-¿En que consiste o espectáculo de hoxe?

-Eu simplemente poño voz a unhas palabras marabillosamente escritas por un premio Nobel, Darío Fo, que xunto coa súa muller, Franca Rame, dedicou moita da súa vida a un teatro social e comprometido prestando gran atención á muller porque Franca sufrira nas súas carnes a violencia e todo iso o levou a escena. Eu tento ser bastante fiel a o que ela fixo e ao que el escribiu. Interpretarei dous monólogos teatrais para que o público vexa a distintas maneiras sutís nas que a violencia se amosa no fogar.

-Pero tamén cun toque de comedia. ¿Como se consigue facer iso cun tema tan duro?

-Coa palabra do premio Nobel; consígueo el. Eu, moi humildemente, tentarei poñerlle parte de min, pero o mérito é todo de quen o escribe. O propio Darío Fo dicía que saes do espectáculo rindo, pendo tamén che fai pensar. Eu levo unha temporada facendo moitas actuacións en colexios e sorpréndeme ver a reacción dos pequenos, sobre todo por parte das nenas. Saben o que está ben e o que está mal e non teñen estereotipos asumidos.

-¿E calla a mensaxe?

-A día de hoxe cando fago A miña casiña, o meu lar, ao rematar hai quen me di: ‘e que as levou porque quixo’ ou ‘ a min danme unha, pero non me dan máis’, e eu intento dicirlles que a xente que está inmersa nunha situación de violencia non é consciente desde dentro. Por iso, a importancia da xente que está ao seu redor. Eu sempre lle digo a todos que o importante é contalo porque é tristísimo que se chegue aos extremos que se están chegando sen que pase nada.