Cooperación e compromiso

Lois García Carballido TRIBUNA ABERTA

PONTECESO

16 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«El Partido Popular y el Partido Socialista Obrero Español [...] entienden que es su responsabilidad ante la sociedad española adoptar el siguiente acuerdo: [...]».

Así empezaba o pacto contra o terrorismo, que propuxo o PSOE na oposición, e o goberno do PP aceptou. Corría o ano 2000 e España estaba xa farta da barbarie de ETA. Temos que explicarlle aos mozos o valor do que se asinou ese día, como aquilo valeu para, dende a unidade, lograr a vitoria da democracia.

En Ponteceso nunca se deixou de aprobar un plan de obras e servizos da Deputación. Nos meus anos na alcaldía vivín de todo, momentos moi duros e outros máis doces, pero nunca me vin na tesitura de rexeitar, co meu voto, algo que fora bo para Ponteceso.

En 2015 o voto de Apin-Son foi imprescindible para o cambio no Concello, afogado por 5,5 millóns de débeda e moitos problemas. Ao final dese mandato, o voto do Partido Popular, liderado por José Luis Fondo, e o BNG de Carlos Penedo, permitiron a permanencia do Grupo de Emerxencias en Ponteceso. Trátase de poñer, sempre, o ben dos veciños e veciñas deste concello por riba das siglas.

Perdas en cascada

Estes días estou falando con asociacións, empresas e traballadores, políticos de agora e de antes. Incluso cos simpatizantes declarados dos outros partidos. Absolutamente ninguén, quere que se perdan e vaian para outros concellos os cartos que, por dereito, nos corresponden.

As perdas para Ponteceso van vir en cascada. Sen fondos non se pode ir a subvencións nas que hai que aportar unha parte de fondos propios, así que as perdas poden ser superiores a tres millóns de euros. Só para a reforma do alumeado exterior, temos que aportar case medio millón de euros, para que o Ministerio nos dea outros 2,1 millóns.

Unha lectura atenta daquel Pacto amosa as palabras máis necesarias, agora, en Ponteceso. Compromiso. Colaboración. Cooperación. Unidade. Convivencia. Acordo. Conxuntamente.

Trátase de deixar a un lado as diferenzas persoais, na procura do ben común.

Lois García Carballido é alcalde de Ponteceso.