Nas mañás claras ou escuras, de bo ou mal tempo, chegaban os seus laios a través do monte. Cruzando quilómetros, dous ou tres, entraban na casa duns e doutros, ao mesmo tempo. «E logo, quen morrería?».. Días atrás, comentaba un estudoso que a historia case nunca é xusta cos grandes homes ou cos grandes mulleres. Tampouco o é cos pequenos, nin con certos oficios que se adiantaron moitos anos ás redes sociais polas que hoxe se coa o bo e tamén o malo, o verdadeiro e tamén o medio falso. Por iso está ben que existan asociacións con obxectivos tan gratamente sorprendentes como o de recuperar toques de campás. Saínza é unha nena, aprendiz de campaneira. Estivo o sábado en Ponteceso, dentro desa xornada organizada por Os Chichisos en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal. O son dunha campá feliz enche a un de felicidade. O son dunha campá triste enche a un de tristura. E ti, campana de Anllóns, que vagamente tocando derramas nos corazóns, un bálsamo triste e brando, de pasadas ilusións. Alá nos pasados ventos primeiros da miña vida, oio os teus vagos concertos, reló dos tristes momentos da miña patria querida (...). Así lle cantou o bardo ás campás de Anllóns. Sons que acompañan aos nenos de aldea, sons que alguén tería que poñer en valor, antes de que todo sexa xa automático, dixital, impersoal, inapreciado. Susana Gómez Castiñeira foi este ano a pregoeira da Xunqueira de Cee. Amante dos desafíos, un deles levouna a atravesar a xélida Alaska. Confesou logo de volver que, en alucinacións, escoitaba as campás de Toba. ¡E iso que levaba 20 anos sen oílas! Hai músicas que non se esquecen, que volven, coma cando alguén pica a gadaña ao lonxe.