Mendigos

Miguel A. Mato Fondo

PONTECESO

Os mendigos, os mendiños, cos seus rostros bestiais, aparecían nos insomnios, nos amenceres de desvelo. Antes da luz que medraba e se filtraba polas contrafiestras. Nacían nas pedras da solaina, nas trabes, na madeira do teito do meu cuarto. A luz ía figurando caretas de macacos, faces de homes sen identidade, homes do saco, rostros duros e deformes. Escenificaban un teatro de máscaras, furna lóbrega de vermellos cortinados e luces de bambolinas. Adquirían forma, medraban os seus brazos botaban o saco ao lombo e saían aos camiños. Coas primeiras luces da mañá pasaban a rentes dos lugares, e os cans ouveaban ao seu paso. Ouveaban ao medo e ao cheiro bravío e húmido dos seres sen nome nin orixe que se achegaban ás casas con pasos lentos. Os mendigos petaban nas portas e pedían esmola polo amor de deus, moedas, anacos de pan, mazarocas de millo. Rezaban de misericordia e ofrecían rosarios, postais de santos, imaxes de virxes bendicidas por cregos de ollares torvos, en oratorios e sancristías frías de incenso. Santóns nos adros das igrexas, os mendigos, mendiños de pórticos románicos, no fondo máis escuro dos confesionarios, oraban en borboriños coa ollada baixa e as mans beatíficas. Mais, nos cruces dos camiños, erguían paus grosos ameazadores contra os cans e contra nós, rapaces que os seguiamos, cunha violencia rencorosa que nos espavorecía. Despois degolaban paxaros e cosían as plumaxes nas súas roupas. As plumas mortas dos paxaros eran a farda dos mendigos. Rabuñaban os rostros deformes con cortiza, esmagaban os vagalumes e, desolados e feroces, sentaban nos ribazos, comían pan e amoras negras, e ficaban durmidos sobre leitos de fieitos. Os seus dedos deformes, retortos, fincaban na terra como raíces de xesta. Mendiños, os mendigos, esmoleiros de amenceres, choraban en soidade baixo un ceo gótico de árbores núas e camiños deslindados.