As campanas

Miguel A. Mato Fondo

PONTECESO

Dicía o músico S. Rachmaninov, «toda a miña vida escoitei con pracer as súas diversas melodías, gozosas ou melancólicas. Cada ruso leva en si mesmo o amor ás campanas». Antes del, John Keats, nun dos seus máis fermosos poemas, a Oda a un reiseñor, dixo nos seus versos que a mesma palabra «é como unha campana/ da que o seu son me devolve ás miñas soedades». E aínda o poeta eslovaco Milan Rúfus di: «A miúdo despértanme as campanas. Soño un país».

Nós soñamos un continente enteiro que, no entanto, tamén sentimos país. Europa é unha inmensa agra de culturas que se desenvolveron acompañadas polo fluír dos ríos e as badaladas das igrexas. As badaladas que enchían de música a Europa de Van Rüisdael, de Chopin e de Courbet, e desde as torres de Compostela e das igrexas de Bergantiños, esparexían o seu son polos outonos medievais, collían alento nos campanarios das campías francesas do Midi e na Toscana italiana, espallándose polas ribeiras do Rihn e do Escalda, para saudaren ás súas irmás das aldeas rusas que se erguían melancólicas na inmensidade das chairas bañadas polo Volga e o Don.

O campanario de Anllóns é traspasado por un vento áspero que chega do nordés. O son da súa campana é que se escoita distante e pausado na paisaxe brañenta da baixa bergantiñá. Está «preñada de vento celta» dicía Cunqueiro. Non sei se a tería escoitado algunha vez ou se a evocaba a través do poema de Pondal. Na casa de Ponteceso, a miña avoa paterna recitaba algunhas das estrofas do poema, e eu era un neno aínda e había tardes que a campana tanxía con tanta solemnidade, que o xungo dos xungais vibraba un momento, como se unha brisa que chegara da ría o agarimase no seu pasar.