O curso que a Universidad Internacional Menéndez Pelayo desenvolveu durante toda esta semana en O Couto concluíu onte cunha proveitosa xornada que permitiu aos alumnos coñecer dúas paraxes de Ponteceso de grande valor -o esteiro do Anllóns e o Monte Branco-. Tamén seguiron profundizando na figura de Pondal a través dos seus poemas e a toponimia presente na súa obra grazas á participación nesta última sesión de Miguel Anxo Mato Fondo e Fernando Cabeza Quiles.
Foi, ademais, xornada de balance e o resultado no puido ser máis satisfactorio. Así o indicaron os propios participantes nas enquisas finais do curso e así o ratificou o seu director, Xosé María Varela, quen sinalou que o resultado foi moi positivo e que se cumpriron os obxectivos marcados ao inicio.
Unha nova actividade tomará hoxe o relevo xa na sede da Fundación Pondal, posto que ás 12 da mañá dará comezo a primeira sesión das aulas científicas Isidro Parga Pondal, nas que participarán 22 alumnos da comarca.