Última hora
El Tribunal Supremo anula el nombramiento de Dolores Delgado como fiscal de Memoria Democrática

A RAG homenaxea a Pondal no 180.º aniversario do nacemento do poeta

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Franco Grande anima a descubrir a obra pondaliana.
Franco Grande anima a descubrir a obra pondaliana.

Os académicos celebraron un plenario na fundación do bardo pontecesán

10 feb 2015 . Actualizado a las 00:11 h.

Foi o acto máis solemne que acolleu a Fundación Eduardo Pondeal dende a súa creación, no ano 2008. Unha xornada cargada de simbolismo. Un día antes de que se cumprise o 180.º aniversario do nacemento do poeta o no 50.º do Día das Letras Galegas dedicado ao bardo, a Real Academia Galega celebrou un plenario extraordinario no Couto (Ponteceso) para conmemorar ámbolos dous acontecementos.

O repique das campás da igrexa de Cospindo deu inicio ao encontro, ó que un cento de rapaces do pobo lle puxeron emotividade interpretando Eu nacín na pequena Ponteceso, dirixidos por Silvia Losada á guitarra. Os rapaces soltaron un cento de globos azuis e brancos que voaron aceleradamente cara a desembocadura do Anllóns nunha imaxe de alborozo pola ocasión. O crego da parroquia, José Manuel Varela Suárez, leu a acta levantada polo párroco Ramón Rodríguez o 8 de febreiro de 1835 dando fe do nacemento de Pondal en Ponteceso.

Ocasión extraordinaria

Foron encamiñando, logo, os académicos os seus pasos cara a sede da Fundación Pondal seguindo a Marcha do Antigo Reino de Galicia do grupo Inllar, para a continuación celebrar o plenario. O presidente da Real Academia, Xesús Alonso Montero, fixo mención ao extraordinario da ocasión, que se debeu, non só á importancia de Pondal para a literatura galega, á data do seu nacemento e a conmemoración do 50.º aniversario do Día das Letras Galegas, senón tamén pola forza e o entusiasmo que desprende a fundación pontecesá. Unha dinámica que el veu reflectida na xornada de onte coa participación dos nenos. «Sería un grave pecado non atender» a súa proposta. Quixo, desde xeito, amosar a gratitude da Academia coa entidade bergantiñá. Pondal foi o terceiro creador literario galego en ser homenaxeado nun Día das Letras Galegas, detrás de Rosalía e Castelao.

Xosé Henrique Motiagudo, secretario da RAG, leu a acta do acordo de convocatoria do plenario de onte, que comezou minutos antes do mediodía.

Ramón Villares e Franco Grande fixeron o encadre do poeta no mapa histórico e literario

Ademais dos académicos, no plenario de onte estiveron presentes o alcalde e presidente da fundación, José Luis Fondo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os patróns da fundación Pondal; membros do PP, PSOE e BNG na corporación pontecesá, así como profesores, colaboradores da entidade e parentes do bardo.

Ramón Villares fixo o encadre histórico e ideolóxico da biografía e a poesía do bardo, que sempre se sentiu atraído polos ventos «carregados de falares antigos». Ponteceso foi «o epicentro dunha Terra da que o poeta se adonou literariamente». En Santiago foi onde Pondal creou unha comunidade de afectos que o acompañou toda a vida: Manuel Murguía, Rosalía de Castro e o malogrado Aurelio Aguirre. A partir de aí xurdiu o «ourive» que «refinou a linguaxe poética» para emparentala coa «mellor tradición dos clásicos». Era o máis instruído dos poetas galegos, vocación á que consagrou a súa vida e ao seu propósito patriótico. O «celtismo, o ossianismo e romantismo» no mundo de Pondal foi outras das sendas polas que andou Villares para encadrar ao bardo, cuxo ideario «tivo máis acollida despois da súa morte que en vida». Foi máis ca un precursor, dixo. Como xa fixera Risco definiu a Pondal como «o profeta do pasado porque soñar con tempos pasados é soñar co futuro».

Xosé Luís Franco Grande revelou que chegou a Pondal para facerse «un lector apaixonado» del da man do actual presidente da Academia no 1952, xusto hai 63 anos. A meirande parte do seu relatorio versou sobre a influencia «asoballante» de Manuel Murguía no poeta pontecesán e na súa obra. «Sen Murguía tampouco se entende Pondal», dixo. En calquera caso esta relación foi «benéfica e vivificante», froito dunha amizade que debeu ser ben especial: «Podemos regañar, pero no reñir», dicían. A visión de Galicia como unha comunidade diferenciada e unha marcada idea de galeguidade estaba presente nos dous, se ben ao bardo bergantiñán lle correspondía a misión estética. O único poeta da súa época que ten interiorizado un concepto de país, cunha visión en termos de estirpe, raza, patria...

«Compre volver a unha lectura» da obra do escritor. «O derradeiro Pondal aínda está por descubrir», dixo Franco Grande antes de que Alonso levantase a sesión, que rematou co Himno de Galicia cantado por Alba Costa.