Un poeta portugués dixo que «viver sempre também cansa ... e obríganme a viver até a morte». A morte como fin dun ciclo biolóxico. Mais nas sociedades tradicionais non era así. A morte era un rito de paso cara a outra condición e a mirada unha construción cultural. A morte estaba presente entre os vivos. O xeito de como nos enfrontamos a este último paso non era unha cuestión individual, facíase en comunidade. Hoxe o contexto é outro e a mirada distinta. Procúrase que a morte sexa invisible.
Entón, a morte podía avisar de que chegaba. O aviso era un recordatorio de que se vivía coa morte. E os mortos podían volver para pedir que lles solucionaran asuntos que deixaran pendentes e penaban por iso na parroquia dos mortos. Unha vez producida a morte, había toda unha serie de rituais. Hoxe, a ollos impregnados de cultura urbana e deslocalizada, poden parecer irracionais. Poren, eran rituais participativos que axudaban a socializar a dor e a pasar mellor a perda. Así, a casa abríase para que entrara a veciñanza até o sobrado, que era a parte máis reservada. Ritual que rompía as fronteiras interdomésticas e favorecían o contacto.
Toda a veciñanza estaba convidada a entrar e a quedar toda a noite. Hoxe, na morte, a casa non é escenario, trasladouse ao tanatorio.
Agora xa non se abre a sala para colocar o cadaleito, nin se leva este a ombros ou se para diante dun cruceiro a rezar un responso. A procesión fúnebre é motorizada. Hai anos fun a un velorio no lugar de Prado de Morquintián (Muxía). O debate era se se levaba o cadaleito ao lombo polo camiño sacramental ou en coche pola estrada. A cuestión estaba en que o camiño fora abandonado e era unha corredoira intransitable; pola estrada, había que pasar por outra parroquia. A viúva sentenciou: «Nunca un morto desta casa pasou por outra parroquia». Hoxe os mortos cruzan varias parroquias. Esta xa non é unha estrutura que marca identidades. A rolda, a compaña (así, sen o de Santa, que é un engadido culto), tampouco traspasaba os límites parroquiais.
E os tanatorios son cousa de hai uns anos. Unha comercialización da morte. Entraron con reticencia, mais xa ninguén os rexeita. Son novos lugares para a sociabilidade coa desculpa da morte. E os loitos enténdese doutro xeito, como xa non é a campá a que avisa.
Pode que haxa quen pense que os rituais, como os que temos á hora de afrontar a morte, son propios de nós, mais veñen dun fondo cultural común a outras partes de Europa, onde o progreso foinos borrando antes. Como que están aí desde tempos pasados sen seren alterados.
Mais o cambio é unha constante en toda sociedade. Sempre houbo mudanzas, as de hoxe, nunha sociedade cada vez máis individualizada, pasan por ocultar a morte, polo que certos rituais perden o papel de unir as persoas, cando a ritualidade é sinónimo de sensibilidade, algo que nos fai máis amables cos demais.