«Aínda que ten mala fama, quen proba o congro repite»

Ángel Palmou

MUXÍA

Amparo Baña é a concelleira de Cultura de Muxía.
Amparo Baña é a concelleira de Cultura de Muxía. xesús búa< / span>

Amparo Baña, concelleira de Cultura e Artesanía de Muxía, agarda moito público na festa gastronómica

28 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Malia a ameaza de chuvia, a localidade de Muxía non renuncia a gozar dunha nova edición -e xa van dezasete- da súa cita co congro. A tenente de alcalde e concelleira de Cultura e Artesanía, Amparo Baña Álvarez (A Ponte do Porto, 1959), é a cabeza visible da organización da Festa do Congro, que se celebrará mañá a partires das 13.00 horas.

-¿Que se atoparán os visitantes que se acheguen a Muxía mañá?

-Por só 5 euros poderán comer unha ración que inclúe salpicón de congro, congro á prancha e guisado, e en empanada de dúas clases, de millo e de trigo. Pero non se trata só de comer, posto que tamén temos dúas exposicións, unha de pintura e outra de artesanía local, así que esperamos que se achegue xente de toda a comarca ou visitantes de fóra.

-¿O tempo pode xogar unha mala pasada?

-As previsións non pintan nada ben e mañá [por hoxe] decidiremos se a festa se fai na carpa do paseo marítimo ou no pavillón. Non paga a pena arriscarnos, pero en calquera caso eu creo que cando se trata dunha festa gastronómica e se fai nun lugar resgardado non importa tanto o tempo, a xente vén igual, así que esperamos vender un millar de racións como nos últimos anos.

-A festa está a piques de alcanzar a maioría de idade.

-Si. Xa é unha celebración veterana e demostra a importancia que en Muxía tivo, e segue a ter, o congro. Hoxe en día séguese a traballar o congro seco e démoslle moitas voltas á posibilidade de incluílo na degustación, pero resultaba moi complicado e caro.

-¿Sigue habendo xente que recea do congro polo seu aspecto?

-É certo que o congro ten mala fama, pero non tanta, e quen o proba repite. Durante a festa eu estou servindo e vexo que ten un gran éxito. Moitos dinche que está está estupendo, riquísimo, e a xente vaise contenta para a súa casa.

amparo baña organizadora da festa do congro do muxía