«Non nos dá chegado o día de marchar para Lorient»

f. rodríguez / Á. palmou

MALPICA DE BERGANTIÑOS

JOSE MANUEL FERREIRO

A banda de gaitas da entidade malpicá acudirá á próxima edición do prestixioso festival da Bretaña francesa

20 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Costa da Morte estará representada este verán nun dos festivais máis importantes -se non o que máis- do mundo da música celta, o de Lorient. A Banda de Gaitas Malante tomará parte na 46ª. edición desta cita, que se celebrará entre o 5 e o 14 de agosto na Bretaña francesa. Tania Doldán, secretaria da entidade malpicán e integrante da banda, mostrou onte en Radio Voz Bergantiños a súa ledicia por tomar parte neste festival.

-¿Que supón acudir ao festival de Lorient?

-Entre os músicos de tradición galega é o festival máis importante ao que se pode ir. Dura dez días, celébrase na Bretaña francesa, o berce celta por excelencia e por el pasan 700.000 asistentes. Todos os grupos que nos dedicamos a isto temos como máxima poder chegar ao festival de Lorient algún día e nós imos este ano, así que non nolo podemos crer.

-¿Hai moita alegría no grupo?

-Si. Estamos moi contentos porque a verdade é que levamos relativamente pouco nisto: a asociación só ten 13 anos e a banda 11. Cando empezamos a pensar en serio en mandar un dosier para darnos a coñecer pensabamos que collerían a outras bandas que levasen máis tempo, pero a verdade é que funcionou. Hai que pasar unha selección bastante rigorosa e non vai calquera, así que por iso é que estamos contentísimos, non podemos coa emoción e non nos dá chegado o día de marchar para Lorient.

-¿Tiñan participado xa nalgún outro festival no estranxeiro?

-Saímos hai un par de anos ao festival de Montignac, tamén en Francia, que non é intercéltico, senón intercultural. Había xente de Cuba, de Gabón, de todos lados, e a experiencia foi estupenda. Viñemos encantados e os rapaces de 13 ou 14 anos quedaron alucinados. Así que a ver se podemos facer algo así cada dous ou tres anos.

-¿Como pode repercutir acudir a un festival así nun grupo?

-Eu creo que serve para potencialo porque alí vai estar a creme da creme de música tradicional celta así que imaxínome que te quedarás con moitas ideas, con moitos grupos, con moitas bandas... E supoño que será un escaparate moi grande.

-O muxián Javier Vázquez e o ceense Fernando Fraga son dos poucos que teñen representado á Costa da Morte en Lorient.

-Si, e para nós é un orgullo facelo tamén porque sempre imos coa Costa da Morte por diante alá onde nos chaman.

-¿Prepararán algo especial para o festival?

-Pois, aparte do noso repertorio, como na representación galega imos cunha banda de Lugo, Cántigas e Frores, estamos preparando un par de pezas conxuntas. Xa nos estamos irmandando e o proxecto promete.

-¿Teñen máis actuacións previstas aparte de Lorient?

-Para este verán estamos centrándonos moito nisto así que, aparte do desfile de bandas que facemos todos os verán en Malpica e que é máis bonito, non temos nada máis.