Concello e comisión alíanse nun Nadal Musical en Laxe

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

LAXE

O grupo DeFesta, tamén comisión, será unha das primeiras actuacións
O grupo DeFesta, tamén comisión, será unha das primeiras actuacións BASILIO BELLO

O epicentro das actuacións, con carpa climatizada, será a praza Ramón Juega

29 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 7 de decembro ao 5 de xaneiro • Hai xa uns días que divulgaron o cartel, e a acollida foi ben boa. Concello de Laxe e comisión de festas xuntan forzas no que será o segundo Nadal Musical da vila, con epicentro na praza Ramón Juega, onde haberá carpa climatizada. A primeira parada será o 7 de decembro, para acender as luces ás 19.00 horas, sumándolle a continuación chocolatada e baile social co dúo Veneguay.

No tocante a música, as propostas pasarán por unha verbena con DeFesta e Gran Parada (13 de decembro), baile social con O Tren da Unha (14 de decembro), «concertazo» con Vito de Carolina e Claxxon (día 20), baile social de novo co dúo Matices (21), máis baile co dúo Principal o 28 e unha gran festa de fin de ano o día 31.

Unha peza teatral o día 13, unha sesión de maxia o 20 ou a visita de Papá Noel na tarde do 24 de decembro tamén integran o programa, no que por suposto non falta a cabalgata de Reis. A saída, o 5 de xaneiro, está prevista para as 15.00 horas, con percorrido por Laxe e parroquias. Sobre as 19.00 farase a recepción e desta volta o chocolate ira acompañado de roscón.