Xurado popular

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

LAXE

Non me botedes esa laxe enriba. Non, por favor. Non o elixín eu así. Non son xuíza, fiscal, avogada... non teño apenas coñecementos de dereito. Só manexo algunha ca outra lei. Non quero, por iso, ser parte dun xurado popular. Non quero porque non sabería que facer. Superaríanme as circunstancias e custaríame moito deixar a un lado os sentimentos e ser obxectiva. Pero, sobre todo, carecería dos coñecementos e ferramentas necesarias para tomar unha decisión xusta.

Podería acertar, claro. Pero tamén equivocarme. E eu non quero levar comigo a responsabilidade de cometer un erro tan grave coma o de xulgar e decidir a vida dunha persoa.

Non me gustan os xurados populares por iso, porque por moita boa vontade que poñan cada un deles, non son profesionais dun oficio tan complexo. E a min iso créame ansiedade, estres, preocupación, medo. Si, medo tamén. A equivocarme. A errar. A decidir sobre a vida doutra ou outras persoas, cando xa me resulta complicado decidir na miña.

E aínda preparándome e cumprindo o cometido con solvencia, a miña conciencia non sería quen de descansar sen alterarse.

Non mo neguen. É un marrón iso de ser xurado popular. É coma unha lotaría que ninguén quere, pero sen xogar a ela.

Si, xa sei que se di que para este tipo de xuízos non é necesario ter profundos coñecementos do sistema xurídico, pero eu non o vexo así. Hai moitas matices, sutís, que non manexamos e que poden modificar substancialmente unha condena. Unha vida. Ou varias vidas.

Non me botedes esa laxe enriba.