O Portosal da Costa da Morte

Luis Giadás

LAXE

FOTO VIDAL - LAXE.

CRÓNICA HISTÓRICA | A localidade de Laxe foi a vía de entrada do material procedente das salinas portuguesas ou gaditanas

23 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A serie Mareas Vivas popularizou a vila de Laxe co poético e axeitado nome de Portozás. Mais ben, o nome que lle acae é … o de Portosal, xa que, dende alomenos 1615, conta con Real Alfolí (depósito) deste condimento, traído das salinas portuguesas ou gaditanas. Así, por exemplo, arribaron á Ría de Candoas (actual ría de Corme-Laxe), en 1791 e 1792, trescentas toneladas e, entre 1789 e 1815, once barcos lusos cargaron 952 toneladas no porto de Cádiz con destino a esta vila dos Moscoso. Receptores do depósito de Laxe foron Ignacio de Abente Varela e Isidro Abente Vales, antergos de Eduardo Pondal por vía materna.

Ás once da mañá do 8 de agosto de 1810, o silencio de Laxe é rachado polo son dunha buguina: Juan Domenech, exprocurador desta vila, mordomo de confraría relixiosa e actual interventor patriótico manda, segundo costume, convocar ós veciños que tivesen armas, para que sigan ó seu fillo Joaquín (Joaquín María, fomenteiro de pesca sería o primeiro alcalde constitucional de Laxe, en 1836) ata a rampla de Arou, onde un barco de Muros quería «beneficiar o sal fraudulentamente» (lembren os lectores que estamos en plena Guerra de Independencia, con Galicia liberada dos franceses, pero colaboradora coas demais rexións na Xunta Superior de Subsidios, Armamento e Defensa: por iso o apelativo de patriótico ó interventor local).

Conducidos a Laxe o capitán e mailo piloto e formando causa xudicial ó dependente de Rentas e ó medidor de pesada, funcionarios de Arou, sen dar explicacións da parte da renda acadada nin do resgardo (vixilancia) que deixan no navío requisado, liberando o barco pola súa propia iniciativa, sen contar co administrador xeral, sen formar a correspondente sumaria e multar ó patrón en cen reas, malia o sal que di que lle faltaba.

Descarga

En xuño de 1811, Juan Domenech asiste á descarga de sal dun bergantín portugués, nos alfolíes da vila, descubrindo que «aínda que o sal de Setúbal do medio do buque é de boa calidade, a dos costados e fondo é moi alodada e negra». En fin: de 2.635 fanegas almacenadas e mesturadas, haberá 200 deterioradas, remitindo mostras destas e, o máis grave, acusando ó administrador e ó interventor dos alfolíes ?que estaban a mesturar a mercancía pura coa suxa? de «secretas conexións e fins particulares co capitán do barco, incluíndo tamén ós medidores de cargada, pois habendo eu pesado a bordo dúas medias fanegas de sal (55 quilos), non atopei máis que cincuenta libras galegas (25 quilos) en cada unha».

Cesáreo de Gardoqui Urueta, intendente do Exército e Reino de Galicia (futuro alcalde de Valladolid durante o Trienio Constitucional, posteriormente depurado na Década Ominosa), deduce da denuncia de Domeneck (sic) «máis resentimentos particulares que deber do mellor servizo». Non entanto, o propio Gardoqui compensa ós fomenteiros cunha rebaixa no prezo do sal, penaliza ó capitán con non pagarlle a demora e, tanto o administrador como o interventor de Laxe, que paguen multa e «cincuenta pares de bos zapatos para o exército».

E falando da Ría de Candoas, animo ós lectores a participar na camiñada que por esta ribeira, cara a Laxe, vai emprender o sábado 9 de marzo o Instituto de Estudos Bergantiñáns. Veña, collede a vosa entrada na librería Brañas Verdes, en Carballo. Que a xente deste Instituto si que é … a mar de salada!