Manuel Sendón inaugura unha exposición fotográfica na Fundación Laxeiro
11 feb 2026 . Actualizado a las 20:08 h.Manuel Sendón (A Coruña, 1951) expón dende hoxe na Fundación Laxeiro a historia de tres espantallos de Fisterra. Segundo explica o artista, as tres series fotográficas que compoñen o seu proxecto artístico conforman unha metáfora da actualidade do campo galego. «Onde hai anos estaba todo cheo de millo agora hai baleiro», sinala Manuel Sendón. E aí entran os espantallos.
Hai case dúas décadas, o cofundador da Fotobienal de Vigo iniciou unha serie de imaxes sobre os bonecos creados para evitar que os paxaros coman os froitos das árbores ou estraguen as hortas. Todo aquilo quedou reflectido coa publicación dun libro no ano 2015. Pero non quedou pechado o interese de Sendón por estas figuras. «Intereseime pola súa evolución e seguín, xa cun concepto secuencial. Xa estaba pensando que, en gran parte, son unha metáfora do que lle pasa ao agro galego porque está moi presente a morte do campo galego», sinala. Así que, de cando en vez, o artista tiráballe unhas fotos a tres espantallos _sempre aos mesmos_ para documentar a súa evolución. Caían e erguíanos, quedaban espidos e os revestíanos. Manuel Sendón mantivo o seu interese nos tres espantallos veciños da casa que ten no Sardiñeiro.
As últimas fotos son de decembro do pasado ano. Unha das figuras desapareceu. Outra quedou deitada no chan. E a terceira quedou reducida a un ferro que facía de columna vertebral. Volveu darlle Manuel Sendón un sentido metafórico aos finais destes bonecos. «No primeiro non hai vestixios do pasado; o segundo mantén o interrogante sobre o seu futuro; e o terceiro podería rexurdir, aínda que non o sabemos. Mentres estean espero, fotografalos», conclúe o artista.
Por outra banda, Manuel Sendón outórgalle aos seus modelos un sentido estético propio. «Eu empecei a fotografalos no 2007 porque me chamaban a atención e parecíanme atractivos; vía unha estética neles», explica o fotógrafo. A partir de aí empezou a rexurdir unha reflexionar sobre o que significa a reciclaxe. «Duchamp demostrounos que hai unha estratexia para crear é darlle novos usos e novos significados a obxectos que non tiñan nada que ver co mundo da arte. Aí hai unha actividade creativa absoluta», argumenta Manuel Sendón. «Aínda que é obvio que as persoas que os fixeron non están vencelladas ao mundo da arte, si que hai unha intención de darlle un uso diferente ao que tiñan. Eu creo que iso, aínda que non sexa unha actividade artística en principio, si é unha actividade creativa», sentencia.
Esa actividade creativa na elaboración dos espantallos leva a Manuel Sendón a opoñerse ao termo feísmo. «É unha palabra colonizadora de urbanitas no mundo rural», di. «A min paréceme absurdo, por non dicir imbécil, que se ría algunha xente de que se use un tambor de lavadora como maceta ou coma asador de castañas», engade. «Paseando por Xinebra, atopei nunha árbore unha lata reciclada para recoller lixo. Inmediatamente venche a cabeza que iso é cultura da reciclaxe, e o dis con admiración, pero aquí, moitos, cando ven algo aquí semellante, chámanlle feísmo cun tono desprezativo. É unha colonización mental porque aí hai unha actividade creativa. En todas as culturas campesiñas, como é a galega, non se tiraba nada, senón que se reciclaba», afirma o artista.
Todo esta concepción teórica queda resumida na exposición en 31 fotografías de 50x50 centímetros, suxeitas por imáns. «A min, nas exposicións gústame xerar un ambiente. Pintáronse as paredes da sala de gris escuro e as fotos van iluminadas puntualmente para que estean como saíndo da escuridade. A min gústame moito traballar a luz», apunta o autor. Esta exposición estará ata o 10 de maio na Fundación Laxeiro.