Fisterra e a liña vermella do respecto institucional

Áurea Domínguez Sisto PORTAVOZ DE ALTERNATIVA DOS VECIÑOS FISTERRA

FISTERRA

Imaxe de arquivo dun pleno municipal en Fisterra
Imaxe de arquivo dun pleno municipal en Fisterra ANA GARCÍA

Opinión | Escribe a exalcaldesa de Fisterra | Penso que as discrepancias políticas son lexítimas, mesmo necesarias, pero deben expresarse sempre dende o respecto

08 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O respecto institucional non é unha fórmula baleira nin unha cuestión de egos, é a condición mínima para que a democracia funcione con seriedade e garantías.

Nun pleno municipal, a figura do alcalde ostenta a presidencia da sesión e, con ela, a responsabilidade de ordenar o debate, dar e retirar a palabra e garantir que todas as voces se escoiten con corrección e dentro das normas establecidas. Por iso resulta preocupante o que aconteceu no último pleno do Concello de Fisterra.

No transcurso dun debate especialmente tenso, o alcalde chamou á orde para tentar reconducir a situación, tal e como lle corresponde legal e institucionalmente na súa condición de presidente da corporación. Acto seguido, unha concelleira do equipo de goberno tomou a palabra e, imitando esa mesma fórmula, instou ela á orde do pleno, asumindo de facto unha función que non lle corresponde e que é propia, en exclusiva, da presidencia.

Podo entender que non houbese unha vontade explícita de usurpar competencias, nin de cuestionar frontalmente a autoridade da alcaldía. Pero, precisamente por iso, é tan importante subliñar a gravidade política deste tipo de xestos. Cando un membro da corporación se coloca, aínda que sexa de maneira aparentemente espontánea, no lugar institucional do alcalde, está enviando unha mensaxe equivocada á cidadanía: que as regras poden dobrarse, que os roles son intercambiables e que a da alcaldía é unha figura secundaria que calquera pode suplantar no exercicio do debate plenario.

Non se trata de defender persoas concretas, nin siglas, nin gobernos dun ou doutro signo. Trátase de defender a institución e o respecto ás normas que regulan o funcionamento dun pleno municipal. Hoxe é unha concelleira quen cruza esa liña vermella. Mañá pode ser outro cargo electo quen decida tomar atallos semellantes, alimentando unha dinámica perigosamente normalizada de deslexitimación do propio marco democrático local.

Por todo isto, considero necesario poñer en valor as institucións, os cargos que as representan e os actos nos que se interactúa.

Quero rematar cunha reflexión: penso que as discrepancias políticas son lexítimas, mesmo necesarias, pero deben expresarse sempre dende o respecto. Corrixir carencias de respecto e excesos impropios no debate político é un exercicio básico de responsabilidade democrática que a veciñanza merece e esixe dos seus representantes.