Máis é menos

Carlos F. Coto SECCIÓN ÁUREA

FISTERRA

24 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A diario lemos novas e declaracións políticas sobre o incremento no número de turistas, gabándose da vantaxe que supón para nós. Dános a impresión de que cantos máis turistas veñan máis ricos seremos e mellor nos irá. Nada máis lonxe da realidade. Esta semana publicouse un estudo científico que rebate esta teoría, porque coa globalización aumenta a competencia, favorecendo destinos de baixo custo, forzando aos operadores a baixar prezos, o que chega a supoñer a explotación dos traballadores locais. O Camiño de Santiago é o paradigma: os beneficios que deixan milleiros de peregrinos en Mazaricos ou Fisterra non cobren os gastos de mantemento do trazado, que pagamos todos.

A organización Fraternidad Internacional manifestou que están «fartos do desprezo que teñen os peregrinos polo Camiño», sentenciando que fan esa ruta por ser a máis barata. Atráense turistas de pouco peto, cando os nosos valores podían atraer viaxeiros con poder adquisitivo e desprendidos, deixando máis cartos no país. A máis prestixiosa revista de viaxes no mundo asombrábase da paranoia de levar turistas a un banco ao pé do mar, indicando que non era recomendable para Galicia, tampouco para o concello.

Gastamos moitos cartos na promoción da nosa terra, con moito menos beneficio. Un fracaso que non nos contan, talvez porque non fan contas.

O certo é que cantos máis turistas veñan, menos riqueza xerarán nos destinos.

O modelo asturiano, o bretón ou o normando son moito máis intelixentes, e sácanlle máis partido. Todos eles están baseados na excelencia, na calidade do servizo turístico, sen masificación.