Tralos pasos de Plinio: entre o mar bravo de Fisterra e as augas mansas do lago Como

Xosé Ameixeiras
a. lavandeira VERONA / LA VOZ

FISTERRA

XOSÉ AMEIXEIRAS

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte organizou para estes días unha viaxe polo norte de Italia

21 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O xeógrafo romano Plinio (Cayo Plinio Segundo) situaba o Promontorio Celta en Fisterra e as Aras Sextianas nalgún punto indeterminado no que hoxe sería a Costa da Morte.

De Plinio falou o exprofesor do instituto Alfredo Brañas de Carballo e escritor Pepe Carballude, un dos participantes da viaxe cultural que cada ano celebra o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que nesta ocasión transcorre polo norte de Italia.

Saíron o sábado de madrugada de Santiago e arribaron en Milán, onde visitaron, entre outros lugares, a catedral, que o escritor estadounidense Mark Twain, cualificou como «poema de mármore».

O románico lombardo é outro dos obxectivos de moitos dos participantes neste percorrido, entre os que se atopan un bo número de profesionais do ensino, e incluso algúns estudantes. O desprazamento está inspirado no seu contido histórico e artístico polo presidente de Semescom, Xosé María Lema. Na parte xeográfica, o carballés Antón García Losada é o encargado de dar as explicacións debidas, mentres que o propio Carballude se encarga de dar a coñecer o mundo do antigo imperio romano. A secretaria da entidade, María Jesús Barbeira, fixo un extraordinario esforzo para o deseño do percorrido e mais a comodidade dos participantes. Ademais da catedral de Milán, coas súas 2.300 esculturas, e mais outros aspectos de carácter turístico, os viaxeiros analizaron construcións como a igrexa de San Ambrosio, exemplo de románico lombardo, estilo que se conserva en dúas construcións galegas.

A visita do domingo correspondeu á terra de Plinio, xeógrafo, militar, naturalista e escritor nacido en Como e que morreu no ano 79 asfixiado en Pompeia, intentando desentrañar os misterios do volcán Vesubio. Na rexión dos Lagos, a comitiva do Semescom puido contrastar a tranquilidade das augas lacustres, que fan de espello das montañas dos Alpes, coa ferocidade do mar da Costa da Morte.

Onte luns a visita correspondeu a Verona, que polo seu matiz rosado dá a sensación de que o sol se está poñendo permanentemente, unha sensación moi coñecida polos grandes solpores da Costa da Morte.

Na cidade de Romeo e Xulieta, a gran obra de Shakespeare, o que fora director do instituto Alfredo Brañas, lembrou a traxedia de Píramo e Tisbe, descrita polo poeta romano Ovidio nas Metamorfosis. Un dos puntos de interese é a Gruta de Catulo, sitio arqueolóxico que leva o nome do poeta erótico Catulo (84-54, antes de Cristo). Carballude recitou algunha das súas composicións, para goce dos viaxeiros.