Contan que o anano de Belvís procuraba herba de namorar entre silveiras, toxos, queirugas. Facíao só para devolver a bondade á xente que se volvera mala. Encontrouna algunha vez e non correu ao balcón de ningunha dama, senón que quixo reservala para ocasión urxente. Gardou a herba de namorar nunha bolsa de encaixe de Camariñas. Alimentouse co peixe e a carne e a horta deste país luz, tan fértil como o sol que anuncia o seu regreso na Fisterra. Bebeu auga mineral de todas as fontes máxicas e viño de todas as terras. Para non pasar frío, e parecer máis florido, vestiuse coa roupa que pensan e deseñan as mentes máis celebradas do mundo, galegos todos. Para ganarse a vida traballou no naval, e soubo que hai xente que leva gravado na pel o estigma da resistencia e o fulgor do aceiro, limpo baril intrépido. Vagou polas vereas do país procurando xente que precisase máis ca el a herba de namorar. Encontrou comerciantes de sorriso amable, taberneiros que nunca daban tres cando pedían catro, operarios abnegados, construtores que non construían en feo, albaneis, profesionais respectados, políticos con vocación de servizo público, ensinantes entregados ao labor de edificar un país mellor e máis cultivado. Editores, periodistas, artistas, xente de letras que escribían a esperanza no horizonte. Pensou que ningún deles precisaba urxentemente herba de namorar. Quixo beber a apócema máxica. Ía facelo cando viu incendiar Esmelle, a súa fraga de nacenza. Daquela procurou aos que prenderan o lume. Deulles de beber o elixir para que se fixeran mellores. O anano de Belvís no podía crer que houbera xente tan mala.