Cabanas

ELISA ÁLVAREZ CASAIS

FISTERRA

ARA SOLIS | O |

09 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NOS TEMPOS das miserias, que agora tan lonxe se ven e ata parece que nunca existisen, cando as lavadoras e outros electrodomésticos só existían nos fogares da clase media americana. Aquí, en España, en Galicia, a xente lavaba a roupa a man. Van boas as nosas avoas de lavar no río con calor e máis con frío, as maíñas cortadas. ¡Que tantos traballos pasaron! E sen nunca se queixar. ¡Para o que lles valía! Contáronme que en Fisterra ao chegar os longos días da primavera as mulleres ían lavar a Cabanas, camiñando dous ou tres kilómetros, coas cestas cheas de roupa nos molidos enriba da cabeza facendo mil equilibrios e amolando ben amolada a columna vertebral e máis os cadrís. A xente madrugaba, ata ás seis da mañá chegaban alí para coller o mellor sitio, a mellor pedra. Algunhas xa levaban con elas o almorzo e ás outras levábanllo. Así, mentres as que chegaran máis tarde agardaban a vez, as outras enxabronaban, poñían a crareo a roupa e, mentres elas comían, agardaban a que correse a auga limpa, aclaraban e poñían a roupa a secar enriba das silveiras coa brisa quente da tarde que entraba polo cabo. Alí quedaban todo o día, ata o caer da tarde, que volvían coa roupa limpa, polo camiño abaixo cantando e deixando un arrecendo a limpeza no aire. E como este tantos outros traballos domésticos que se facían á man e hoxe nos parecen totalmente inconcebibles. Así e todo hai que recoñecer que o progreso tamén che tivo as súas cousas boas.