CRÓNICAS DE FISTERRA | O |
20 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.CANDO O tempo era malo e faltaba por volver ó porto algún barco, nais e mulleres ían cara o faro de Fisterra para decirlle ó torreiro que, cos seus catalexos e dende o alto da torre, ollase ao mar por se vía aos pesqueiros que faltaban. Se localizaba as embarcacións entre a chuvia e os salseiros brancos, todo era delicia, e os fareiros non deixaban de recibir pixotas e róbalos. Cando non era así, a súa alma sentía unha profunda tristura, mais falaba coas devanditas mulleres sementando esperanza: non podía ollar ben o mar por culpa do temporal. Entón, elas ían cara a praia de Calafigueira e á Cerca a esperar a volta dos seus fillos, homes e outros parentes. A medida que se ía achegando a noite, o pranto, os nervios e o desespero aumentaban. Voltar Algunhas bucetas de cinco remos que se dedicaban á pesca do róbalo no baixo da Munis -en pleno Atlántico- tentaban dobrar o cabo de Fisterra para entrar na enseada, que era menos perigosa. Cruxían os estrobos e os remos pola forza dos mariñeiros, mentras o patrón enfriaba a cabeza para enfilar ben as ondas e estar atento a todo perigo para sanalo. Algúns voltaban e outros non, mais no mencer seguinte, os que quedaban en terra espertaban ós seus compañeiros no albor. Había que voltar ó mar...