Vidas e mortes

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

DUMBRÍA

07 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Algunha vez aparece por aí que en tal parroquia ou municipio houbo máis enterros ca mortes, e non tarda en saír quen se ri de tal afirmación, por moito que se nutra de datos estatísticos. Porque, si, xeralmente nas parroquias son máis os enterros cas mortes, e non hai que darlle moitas voltas ao conto para entender que se trata de xente que vive noutros lugares, haxa moito ou haxa pouco, e elixe a súa terra natal para o último descanso. Xa non falamos de cando hai cemiterios novos, nos que se dispara a demanda mesmo de persoas doutros sitios, e especialmente se son ben feitos, como o de Dumbría ou o do Allo, por citar dous, nos que efectivamente ocorrera iso. Iso si que é todo un cambio de mentalidade porque, para os que temos xa bastantes canas, pensar en quedar nunha parroquia que non é a túa non é doado de asimilar: temos moi marcado o territorio, como nos tempos clásicos, onde nin sequera a Rolda ou Santa Compaña se atrevía a traspasar as lindes dos lugares comúns cara os do lado nas súa vagadas nocturnas. Eu isto non podo probalo, pero se non é verdade é ben certo.

Temos unha poboación envellecida, e as leis vitais mandan moito máis que as escritas. Se para exercer co título de cura houbese que facer un máster, coma cos graos, a parte funeraria ocuparía unha boa parte do temario, bastante máis que as mañas de vodas, bautizos ou comuñóns. A saber que pensarán destes novos tempos que vivimos e morremos curas como o de Xesteda e A Vila de Abade, que leva cerca de 60 anos no mesmo destino, e non digo xa algún que pasa dos 70. Nestas pequenas cousas é nas que se ven as maiores transformacións.