María Aurora Lestón: «A figura do vákner poder servir para impulsar e pór en valor o Camiño»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Cedida

A filóloga participará nun simposio internacional en Dumbría sobre o histórico monstro do Camiño de Santiago. Levarase a cabo os días 18 e 19 deste mes

11 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Padecí muchos trabajos y fatigas en este viaje, en el cual topé con cantidad de bestias salvajes muy peligrosas. Encontramos el vákner, animal salvaje grande y muy dañino». Así relatou no seu diario Mártir Bispo de Arzendjan (Armenia) o seu suposto encontro co vákner a finais do século XV. Sucedeu no Camiño, «moi preto do mar, entre Santiago e Fisterra, pola zona de Dumbría, aínda que non o concreta no seu diario», apuntou a doutora en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago María Aurora Lestón Mayo (1977, Esteiro-Muros), quen participará os días 18 e 19 nun simposio internacional sobre a figura mítica do vákner. Será no salón de actos do albergue de peregrinos de O Conco (Dumbría).

-Que era, ou quen era, vákner?

-É unha anomalía dentro do que é a lenda tradicional galega porque só hai unha referencia escrita. Oral non hai absolutamente nada. É a referencia que hai nin sequera é galega, é dun peregrino armenio do século XV. Como filólogos non sabemos se o nome era real, se era vákner... Non temos referencias.

-De onde procede o nome?

-Descoñécese, nin existe en armenio nin en galego antigo.

-Cal é a súa teoría?

-A miña teoría particular é que podería ser factible que se conservase en Galicia unha variante da lenda dos nibelungos.

-Déixe voar a súa imaxinación.

-Creo que Mártir non viu nada. Pasaba por un monte tenebroso, por unha terra descoñecida, con perigos a cada paso, non só reais, tamén imaxinarios. Vería algo na escuridade e saíu correndo. E logo interpretou á súa maneira.

-Como chega a lenda a Galicia?

-Houbo traducións ao francés do diario orixinal e, de aí, ao castelán... Un grupo de investigadores, entre eles, Alonso Romero, Pensado Tomé... Deron a coñecer a historia do vákner.

-Como xurde o interese por este mito?

-Eu coñecía os textos e as investigacións de Fernando Alonso Romero, pero non lle din máis consideración ata que un día nunha conversa entre compañeiros comezouse a falar e relacionar o nome de vákner co dunha criatura moi parecida etimoloxicamente: Fafner, un dragón mitolóxico escandinavo. Aparentemente non ten nada que ver coa cultura galega, pero é curioso que exista unha criatura de nome tan parecido e tan maligna como o vákner... Xurdiu a posibilidade de que a lenda nórdica, tan recoñecida, chegara a Galicia e, dalgunha forma, fora adaptada ao folclore local, entre Santiago e Fisterra. É demostrable ao 100 %? Non. O ideal sería localizar algún texto que recollera o que ese peregrino viviu nestes montes. Falta narrativa do que lle aconteceu.

-Que lle fascina da lenda e da figura do vákner?

-Sobre todo, o imposible que é atopar unha referencia que sexa definitiva. No caso do monstro do Lago Ness non hai unha demostración física da súa existencia, pero si hai moitas referencias ao respecto, tanto orais como escritas. No caso do vákner non hai nada, salvo o texto de Mártir. Non existen máis referencias escritas nin na tradición da fala. Vákner fascina pola a súa anomalía dentro da mitoloxía popular galega. O seu nome, que nada ten que ver co galego... Precisamos saber que é exactamente.

-Como pode pór en valor o Camiño de Fisterra a súa figura?

-En moito. É unha mágoa que non nos apoiemos máis neste tipo de mitoloxías. Son elementos que nos diferencian, e moito, non só a nivel local, como por exemplo entre Dumbría e Muros, senón a nivel galego, nacional e, incluso, internacional. Hai xente que visita Galicia por aquelas catro cousas que todo mundo sabe: a santa compaña, as meigas... Son cousas que chaman atención e iso xera riqueza e dálle un pulo extra ao desenvolvemento territorial en zonas nas que ás veces non hai moito máis por onde tirar. Vákner pode ser ese valor engadido do Camiño. Nisto lévanos moita vantaxe Irlanda, onde teñen roteiros das fadas por todos os lados.

-Pero córrese o risco de que o mitolóxico acabe mercantilizándose.

-Como ocorre coas meigas. Moitas veces atopamos produtos relacionados coa bruxería que, en realidade, non teñen nada que ver con Galicia.